Os hostaleiros de Compostela organizan un concurso de microrrelatos a través de Facebook

mércores, 20 de xullo do 2011 Redacción

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director de comunicación e marketing de Asociación Hostalería Compostela, Aser Álvarez, presentaron esta mañá as bases dun orixinal concurso de microrrelatos a través das redes sociais, concretamente de Facebook, que xorde co gallo do oitavo centenario da catedral de Santiago.
As dúas entidades promoven esta iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración que subscriben actualmente para promover o fomento da lingua galega a través do sector hostaleiro. Con este fin, así como co de contribuír á conmemoración dos 800 anos da catedral, ponse en marcha a través de Facebook o concurso MICROCompH!ostalería. 800 Anos en 800 Carácteres.
Para participar no certame, cómpre unirse ao grupo do concurso en Facebook. A continuación, bastará con postear o microrrelato, cuxa temática deberá estar relacionada co 800 aniversario da catedral de Santiago. Os textos deberán estar redactados en galego e será indispensable que non superen os 800 carácteres. O prazo de presentación dos relatos remata o día 31 de outubro de 2011.
Os dez microrrelatos máis votados pasarán á fase final do concurso, na que o xurado designará os tres gañadores e o premio especial para o mellor relato de temática gastronómica. Os gañadores comunicaranse antes do día 15 de novembro. Os traballos premiados serán publicados na revista CompHostelería, así como nos medios de comunicación colaboradores no concurso, que tamén divulgarán os textos máis votados. No certame tamén colaboran o Consello da Cultura Galega, o Museo da Catedral de Santiago, o Mercado de Abastos de Santiago, o Concello de Santiago e o Consorcio de Santiago.

PUBLICIDADE