Os grupos musicais e solistas teñen até o 3 de agosto para inscribirse na Rede Galega de Música ao Vivo

xoves, 26 de xullo do 2007 Raquel Noya

O vindeiro 3 de agosto finaliza o prazo para formalizar a inscrición na Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), un circuíto que promove o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e a asociación Clubtura para os grupos e solistas de todos os estilos de música interesados en dar concertos ó longo do vindeiro 2008.
Para realizar este trámite, as formacións deben darse de alta a través da páxina web http://www.galescena.info/musicavivo/ para que, unha vez rematado o proceso, os locais participantes poidan elaborar as súas propostas de programación para o ano que vén (a excepción dos meses de xullo e agosto).
Cada sala deberá contratar un mínimo de 8 grupos para configurar a súa proposta, na que, cando menos, un 75 por cento debe corresponder a formacións galegas. Por outra banda, para que un grupo ou solista poida ser contratado, precisa ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global. Na imaxe, o grupo galego A Matraca Perversa.

PUBLICIDADE