Os galegos xa compartimos en BlaBlaCar máis de 62 millóns de quilómetros

venres, 25 de setembro do 2015 Redacción

A plataforma social líder de viaxes centrada en usuarios de vehículos compartidos, BlaBlaCar.es, vén de amosar as súas cifras de usuarios no ámbito estatal e por Comunidades. No que se refire ao primeiro eido, o estatal, a plataforma xa conta con 2,5 millóns de membros. Na nosa terra, a cifra é de 125.000. Este fito galego, sinalan fontes de BlaBlaCar, conseguiuse coincidindo coa Semana da Mobilidade Sustentábel (que se está a festexar en maior ou menor medida nas nosas cidades) e coa celebración do seu quinto ano de actividade na contorna estatal. Ourense e A Coruña, por certo, son as provincias galegas con máis usuarios. Ademais, os membros galegos da comunidade compartiron, a longo do dito período, máis de 62 millóns de quilómetros.
En termos de respecto polo medio ambiente e tendo en conta que BlaBlaCar axuda a compartir vehículo e reduce deste xeito o transporte urbano e interurbano, os usuarios galegos aforramos 4.500 toneladas de emisións de CO2. Por outra banda, no reconto feito pola comunidade tamén se sinala que a media de idade dos viaxeiros que tiran partido do servizo medrou até os 31 anos, e utilízano practicamente por igual homes (58%) e mulleres (42%).
Para os responsábeis desta comunidade, está claro -con estes números- que o servizo foi quen de superar as expectativas iniciais, para algunhas voces críticas ben poucas, e fíxoo sobre todo nos últimos anos da súa andaina, nos que o crecemento en cantidade de usuarios foi exponencial. Jaime Rodríguez de Santiago, responsábel de BlaBlaCar España, asegura que “datos coma os devanditos demostran que BlaBlaCar e o consumo colaborativo non son unha moda, senón que forman parte dun cambio de mentalidade que acepta de maneira natural a coexistencia de distintas formas de viaxar e dun cambio de actitude”.
En Galicia, como dixemos, as provincias con maior número de usuarios de BlaBlaCar rexistrados son Ourense e A Coruña, con cifras semellantes, seguidas de Lugo e Pontevedra. Dentro de cada provincia, hai usuarios en case todas as localidades e isto, sinalan dende o servizo en liña, “débese a que moitos dos traxectos realizados unen puntos da Comunidade que só poden realizarse de maneira directa en coche”. Así, os 10 traxectos máis cotiáns concertados a través de BlaBlaCar só supoñen un 3% das viaxes que se publican na plataforma. Polo tanto, sinalan, “non é raro atopar viaxes na plataforma entre Lalín e Madrid, Chantada e Pontevedra ou A Coruña e Cáceres”.
No estudo tamén se di que o 71% dos usuarios de BlaBlaCar ten traballo, o 13% son estudantes e o 3% deles están xubilados. Ademais, saliéntase que o 13% deles está no paro, unha situación para a que BlaBlaCar supuxo “un alivio á hora de exporse a viaxar polo aforro que supón”. Con todo, engádese, o aforro é só un dos motivos polos que os usuarios deciden compartir coche. Outros deles son, no caso dos condutores, non viaxaren sós e compartiren unha experiencia, amais de romper unha lanza a prol da eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático. Así, só en Galicia, nos últimos 12 meses, os usuarios de BlaBlaCar aforraron 4.500 toneladas de emisións de CO2. Este aforro equivale ao CO2 emitido por un vehículo motorizado que dá 450 veces a volta ao mundo ou o de 2.000 viaxes de ida e volta desde Madrid a Nova York.

PUBLICIDADE