Os galegos eliximos a televisión e Internet para atopar información da actualidade

mércores, 17 de febreiro do 2016 Redacción

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio, achegou a segunda parte do Documento de Traballo (DT-OCG) titulado Ocio e hábitos culturais (II), que mide as prácticas culturais e o noso tempo de lecer. Entre as conclusións máis salientábeis da investigación constátase definitivamente que as cidades e vilas presentan mellores indicadores que o rural en cuestión de asistencia e frecuencia de actividades culturais. No Documento avalíase polo tanto o nivel de fidelidade que amosamos perante este tipo de convocatorias, amais do consumo de medios de comunicación, a lectura de libros e os hábitos no fogar. Entre outras cousas, indícase que a Rede é a nosa segunda canle preferida para atopar actualidade.
Nun plano concreto, sinálase que a franxa atlántica (concentrada nas bisbarras próximas ás cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo) rexistra os mellores indicadores de asistencia a eventos culturais. O Documento adica espazo, asemade, a coñecer en que ocupa o tempo libre a cidadanía galega: ver a televisión, escoitar a radio e ler a prensa son ocupacións que están, cun 99,7%, por riba das relacións sociais (95,8%), seguidas polo hábito de escoitar música, ver películas, series ou documentais (un 84%).
No estudo dise que a variábel da idade “exerce un peso moi destacado en actividades relacionadas coas novas tecnoloxías da información, a lectura de prensa e a asistencia ao cinema”. E no que ten que ver cos medios de comunicación, máis da metade da poboación galega elixe a televisión para informarse da actualidade, seguida de Internet. Con respecto á radio, o informe pon de manifesto que baixou a media do seu consumo, do 40,6% ao 38,5%. A investigación tamén indica que melloraron os indicadores de lectura de libros nos últimos anos en todas as variábeis analizadas (papel, dixital) e baixaron case 14 puntos porcentuais as persoas que non lían nunca.

PUBLICIDADE