Os galegos amosamos unha fenda dixital de xénero menor cá media estatal

martes, 9 de decembro do 2014 Redacción

Os días pasados, o Observatorio da Sociedade da Información de AMTEGA deu a coñecer datos sobre o nivel de alfabetización dixital da sociedade galega baixo un óptica de xéneros. Segundo se fai saber na investigación, a fenda dixital home-muller (unha fenda que se ten manifestado durante anos nunha desvantaxe das nosas mulleres no que se refire a formación TIC, motivada sobre todo por situacións de discriminación previas que a condicionan e lle dan forma) é xa menor cá media estatal. En cuestión de uso do computador, sitúase arestora nos 2,8 puntos, fronte aos 4 da media española. Noutras palabras, en Galicia un 62,7% das mulleres e un 65,5% dos homes fixo uso do ordenador nos últimos tres meses.
No informe explícase que a devandita separación por xéneros reduciuse neste indicador (uso do computador) en 4,3 puntos no período 2010-2013, pasando de 7,1 puntos no ano 2010 a 2,8 no ano 2013. A nivel estatal, a diminución no mesmo período foi tan só de 2 puntos. En canto ao uso de Internet, a diferenza entre homes e mulleres en Galicia é tamén inferior á media española con 3,8 puntos en Galicia fronte aos 4,1 do conxunto do Estado.
O estudo do OSIMGA conclúe que se observa “un comportamento diferenciado nos usos e servizos empregados na Rede”. E explica, máis en detalle: “As mulleres decántanse máis por participar en redes sociais, superando aos homes en 5,6 puntos porcentuais; ademais, as mulleres fan un maior emprego na busca de información sobre viaxes e aloxamento, con 4,7 puntos porcentuais máis que os homes”.
A maiores, as mulleres decántanse tamén máis pola realización de cursos en liña e pola busca de emprego a través de Internet mentres que os homes empregan máis a banca electrónica e usan máis a Rede para vender ou alugar bens ou servizos. En canto ao tempo adicado a conectarse a Internet, o informe apunta a que “os homes avantaxan ás mulleres nos treitos de máis de 10 horas semanais de conexión, mentres que nos intervalos de tempo inferior a tendencia invértese”.
Polo que atinxe á Administración Electrónica, son elas as que tiran máis proveito das ferramentas dispoñíbeis para comunicarse ou facer xestións coas entidades públicas. Cousas como por exemplo procurar información de páxinas web, descargar formularios oficiais e enviar formularios cubertos, cunha diferenza de 4,5 puntos porcentuais entre homes e mulleres.
Por outra banda, o estudo do OSIMGA tamén apunta a un meirande interese das galegas por formarse nas TIC. Un 29,8% delas asistiron algunha vez a actividades formativas sobre novas tecnoloxías de cando menos tres horas de duración, fronte ao 25,5% dos homes, o que supón que as mulleres avantaxan en máis de 4 puntos porcentuais aos homes neste indicador.
O estudo do OSIMGA conclúe que a fenda dixital de xénero “está fortemente influenciada pola idade”. Así, na franxa dos 16 aos 44 anos as mulleres superan aos homes no uso das TIC. A partir dos 45 anos, a tendencia invértese, sendo especialmente desfavorable para as mulleres entre os 65 e os 74 anos. Pola contra, sinálase, as novas xeracións rompen a dicotomía tradicional (mulleres/tecnofobia, homes/tecnofilia), amosando que “non existen diferenzas de xénero significativas respecto ás habilidades e aos usos das TIC entre homes e mulleres ata os 45 anos”.

PUBLICIDADE