Os futuros iPhone poderían funcionar sen tarxeta SIM física

luns, 27 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Dende os iPhone Xs e Xr os móbiles de Apple contan con soporte de eSIM, ou sexa, que funcionan como móbiles con dobre SIM, combinando unha tarxeta nano-SIM física cunha SIM virtual integrada no seu interior, e dende Brasil chega agora un ruxerruxe que apunta a que a partir de 2023 a versión Pro do iPhone carecería de rañura para tarxetas SIM físicas, ou sexa, que funcionaría con dobre eSIM, medida que, xunto á posible eliminación do conector Lightning como porto de carga, faría que o posible iPhone 15 Pro fose un dispositivo totalmente sen fíos (o que permitiría un mellor selado do terminal).
Esta información estaría a ser ratificada por un coñecido filtrador de detalles sobre produtos de Apple, o que dálle maior credibilidade, e poderiamos entender que a filtración desta característica de futuros modelos de iPhone serviría para instar aos operadores de telecomunicacións a aceptar de xeito xeral a tecnoloxía de eSIM, chamada a substituír ás tarxetas SIM físicas dende hai anos, pero que topou co inmobilismo das compañías, que non tiveron a ben adaptar os seus sistemas a esta tecnoloxía tan práctica (especialmente de cara a dispositivos wearables). Por exemplo, no caso español, segundo información publicada por Apple na súa páxina web, só teñen soporte de eSIM os operadores Movistar, Orange, Vodafone, Pepephone, Truphone e Yoigo (relación na que faltan compañías como O2 e Jazztel, que tamén contan con soporte para eSIM).
O uso de tarxetas eSIM debería supor unha grande vantaxe para o consumidor, xa que axilizaría os cambios de tarifa e operador (algúns cambios poderían realizarse directamente dende o dispositivo, e en ningún caso habería que agardar á recepción dunha tarxeta física) e incluso facilitaría a contratación de tarifas estranxeiras cando imos de viaxe (algo especialmente útil cando imos a países fóra da Unión Europea). Amais, a eSIM equivale a ter unha MultiSIM, ou sexa, que un mesmo número telefónico e unha mesma tarifa de datos poderanse asociar a distintos dispositivos equipados con eSIM.

PUBLICIDADE