Os expertos convocados polo CCG nas xornadas sobre converxencia dixital avogan por un plan estratéxico común

venres, 8 de maio do 2015 Redacción

Finalmente celebráronse esta semana en Santiago, da man do Consello da Cultura Galega e na súa sede de Raxoi, as xornadas Converxencia dixital das institucións da memoria. Entre as cuestións avaliadas ao longo de dous días de debates, relatorios e mesas redondas atópanse as seguintes: as amplas potencialidades de uso que achega a dixitalización da información que repousa en arquivos, bibliotecas, museos e na propia Administración. Potencialidades que teñen un punto de partida ben definido: abrir as marxes de acceso ao coñecemento público, a toda a sociedade e dende calquera lugar e intre.
Segundo informa o CCG, os responsábeis dos centros presentes na cita puxeron sobre a mesa a necesidade “dun plan estratéxico da información que xunte os esforzos que até o de agora se fixeron de xeito illado e descoordinado”.
Segundo afirmou Gabriel Quiroga (membro do comité científico) ao fío da pertinencia do devandito plan estratéxico, “a un usuario non lle interesa saber se a información está nun museo ou nun arquivo, a el impórtanlle os contidos e obter a máxima información posíbel da materia sobre a que busca”. En palabras de Quiroga, “ao usuario tradicional que asistía a un dos centros da memoria por unha cuestión persoal, como podía ser a consulta dun plano para acometer unha reforma na súa casa, ou por un problema de lindes; ao investigador profesional súmaselle agora un usuario dixital, curioso e ávido de información en materias moi concretas”.
Durante dous días, coordinadores de centros como o Museo do Prado, Arquivo Histórico Provincial de Huesca, Filmoteca de Cataluña, os museos en rede CERES e BIMUS… explicaron os procesos de dixitalización que están a acometer as súas institucións no que ten que ver coa selección, adquisición, tratamento, acceso e preservación do seu patrimonio para facelo accesíbel ao público.
As xornadas estiveron enfocadas “desde un punto de vista práctico”, encamiñado a coñecer as experiencias que xa están en marcha e con todo tipo de casuísticas: desde centros que traballan con patrimonio cultural nacido dixital, centros xa existentes que teñen que dixitalizar o seu patrimonio, arquivos municipais ou estatais… Ademais, tamén houbo espazo para reflexións teóricas. Mariam Vieira da Cunha, da Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil, falou das implicacións das mudanzas do mundo dixital no facer dos profesionais da información. Mentres que María Manuela Pinto, da Facultade de Letras da Universidade do Porto, que ofreceu un relatorio titulado Da institución á preservación da memoria: a mudanza sobre un novo paradigma, amosou un punto de vista crítico ao sinalar que “estamos a traballar coa concepción e as necesidades de hai 300 anos”.

PUBLICIDADE