Os españois melloran as súas prácticas de protección en liña, segundo un novo estudo da ONTSI

luns, 23 de outubro do 2023 S. P.

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), órgano colexiado de carácter consultivo da entidade estatal Red.es, presentou o informe Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos: Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Segundo explica o Observatorio, trátase dunha análise que” combina por primeira vez as percepcións sobre a ciberseguridade e as medidas que toma a poboación cunha análise dos seus dispositivos”. Os datos resultantes reflicten “unha maior concienciación por parte dos españois ante os novos desafíos que está a crear a dixitalización”.
Así, malia que os incidentes seguen sendo unha ameaza permanente, “tamén constitúen un punto de inflexión no comportamento”, sinala o estudo, engadindo que “o número de persoas que modifican os seus hábitos tras ser branco de ciberataques mostrou un aumento interanual 6,5 puntos, representando o 67,5% dos afectado”. Ademais, os mecanismos de identificación biométricos convertéronse nunha das medidas máis recorridas, “utilizada xa polo 45% dos usuarios”.
A investigación inclúe como novidade preguntas sobre a protección de menores e as medidas para asegurar o seu benestar, sendo a máis común falar con eles sobre os riscos que existen na contorna virtual (43,8%), limitar o tempo de conexión (40,1%) e a activación de controis parentais (36,8%).
Polo que respecta ás redes sociais e os chats, estes servizos mantéñense como os principais usos que os españois dan a Internet (ao redor do 70%) e os principais motores de interacción no ámbito dixital. O estudo indaga sobre o emprego destas canles para relacionarse, desvelando que o 66,9% da poboación que coñeceu xente por Internet foi a través estas plataformas. Case o 80% afirma ter suficiente, bastante ou moita confianza neses contactos virtuais descoñecidos, pero preto do 65% asegura tomar medidas antes de un encontro presencial.
O informe mostra un incremento interanual das transaccións financeiras virtuais, como a banca online (sendo utilizada polo 69% dos usuarios), os pagos online (62,3%) e o comercio electrónico (50,3%). Do mesmo xeito que un aumento das preferencias polos contidos de pago, que medran case 9 puntos (chegando ao 53,2%), mentres que os gratuítos caen case 8 puntos.
O escaneo realizado para este estudo revela que “a conciencia por parte dos usuarios está a mostrar avances importantes, como unha caída na presenza de malware de 2,5 puntos porcentuais con respecto ao ano 2021, alcanzando o 56,6% dos dispositivos analizados”. Amais, redúcese case 4 puntos as infeccións en terminal Android afectando tan só ao 3%.
O informe engade que “con todo aínda existen hábitos persistentes no día a día que vulneran a seguridade dos usuarios españois”. De feito, o 40,3% admite incorrer nalgunha conduta de risco no último ano, como descargar arquivos desde webs dubidosas (33,4%). Así mesmo, un 32,8% admitiu instalar programas desde fontes non oficiais e case un 30% accede a ligazóns sen ter certeza sobre a súa procedencia, mentres que o 21,2% abre arquivos de remitentes descoñecidos. “Este tipo de prácticas provocou un lixeiro aumento interanual de 5,2 puntos porcentuais dos incidentes de seguridade declarados con respecto a 2021, alcanzando o 60,5% a poboación dixital”, sinálase, engadíndose que o problema de seguridade máis común que sofren as vítimas é a recepción de correos non desexados (80,4%), ademais do ataque de virus ou códigos maliciosos, o verse privado de acceso a servizos, perda de datos e a suplantación de identidade, entre outros. No que se refire a fraudes en liña, o prexuízo económico experimentado polas persoas entrevistadas foi de máximo 100 euros.

PUBLICIDADE