Os enxeñeiros técnicos en informática de Galiza piden máis respecto coa profesión e máis fronte común

venres, 15 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Os enxeñeiros técnicos en informática de Galiza veñen de reforzar a súa fronte común. Ditou doutro xeito: veñen de subir un novo chanzo na necesidade de apoiarse máis os uns ós outros e, en última instancia, á economía e á sociedade galega. O caso é que o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (así se chama esta “fronte común”, consolidada o pasado mes de decembro xunto coa entidade irmá, o CPEIG) bota a camiñar facendo ben de ruído. Por unha banda, faino coa férrea vontade de dignificar esta titulación e, pola outra, de contribuír a fortalecer o sector tecnolóxico a través de medidas como o Clúster TIC, en boa parte apoiado polo Colexio.
Co gallo de obter máis datos sobre os obxectivos do CPETIG, falamos con Leticia Diz (no centro da imaxe), presidenta da entidade, para quen xa non é sostible unha situación, a actual, na que se seguen a deixar en mans de persoas non cualificadas tarefas que, por experiencia e por formación, deberían ser asignadas ós enxeñeiros que representa.
Ó seu xuízo, moitos dos erros informáticos son froito deste problema: “A sociedade ten que decatarse de que non se pode delegar nunha persoa que fixo un curso de dous meses o sistema de seguridade do AVE”, sinala.
-Falaches da necesidade de dignificar a profesión dos enxeñeiros de informática e, polo que a ti respecta (posto que os representas), dos enxeñeiros técnicos en informática da nosa terra. Este é un dos grandes obxectivos dos novos colexios dos que vindes de coller as rendas, Fernando Suárez e máis ti (respectivamente). Cara a onde sinalades cando falades de dignificar a profesión?
-A dependencia que a nosa sociedade e a nosa economía ten das novas tecnoloxías cada vez é maior e o medre no seu uso é exponencial. Estas ferramentas empréganse en ámbitos que van dende a xestión administrativa, pasando polo control de procesos industriais, sanidade, enerxía ou transporte. É difícil pensar hoxe en día nun proceso que realicemos, nun produto que merquemos ou nun servizo que recibamos que nalgunha parte da súa cadea (ou en toda) non leve aparellada o uso intensivo destes recursos que coñecemos como “TICs”. En todos estes eidos, sempre que acontece un problema botáselles -de forma moi á lixeira- as culpas aos chamados "erros informáticos". Isto acontece por dous motivos: ben porque se usa a informática como chivo expiatorio para evitar asumir outros erros alleos á informática; ou ben, no caso real dun erro informático, porque no proceso non houbo metodoloxías de control da calidade e de riscos. En ámbolos casos, ben sexa por intencionalidade ou por neglixencia, a imaxe das enxeñarías informáticas deteriorase.
A día de hoxe, as nosas titulacións son as únicas (xunto coa enxeñaría química) que non están reguladas profesionalmente. Isto quere dicir que calquera pode desenvolver as actividades propias da nosa profesión sen ter a formación específica e sen estar suxeitos en caso de desastre á Responsabilidade Civil polos perxuízos causados. Isto non pasa con avogados, médicos, telecos, etc. De aí que o noso Colexio teña como un dos seus grandes obxectivos o de acadar que se nos recoñeza a igualdade con outras enxeñarías en base á Lei 12/1986, na que se lles dan atribucións profesionais ao resto de titulados en arquitectura e enxeñarías técnicas (telecomunicacións, industriais, obras públicas,…).
-Entón, existen atrancos dende a fonte mesma do eido público, dende a norma...
-Si, e son inexplicables os atrancos que o Estado leva poñendo durante anos á creación dun Colexio estatal, como igual de inexplicable é a discriminación ás nosas peticións de regulación. Algúns pensan nunha "man negra" e en intereses de determinados colectivos que se están a aproveitar do baleiro normativo para facerse co seu anaco do pastel.
Por outra banda, moitas veces invádeche unha sensación de tristura cando alguén te pregunta a que te dedicas...
-A informática está mal vista?
-Non é exactamente iso. O que pasa é que cando lle respondes que es informática, título que sacaches fincando os cóbados, moitas das veces a resposta é que o seu fillo, familiar, etc. tamén. Que fixo un curso nunha academia durante dous meses e que está a traballar como informático dunha gran empresa. E isto é no que temos que educar á sociedade. ¿Unha persoa que le un libro sobre operacións cirúrxicas pode operar? ¿Deixarías na man do teu mecánico a construción e o deseño do Renault de Fernando Alonso? ¿Encargaríaslle a construción do túnel da Mancha a un albanel? A calquera que lle propoñas estas preguntas pensará que toleaches. Ninguén no seu xuízo san se deixaría operar por unha persoa que non tivese o titulo de cirurxián. Mais na área da informática, calquera persoa que le un libro de programación informática ou fai un curso é considerado un "informático" pola sociedade. Esta ten que decatarse de que non se pode deixar en mans dunha persoa que fixo un curso o deseño e programación das aplicacións críticas para un negocio ou das aplicacións que controlan a bolsa, ou o sistema de seguridade do AVE ou dun avión. Moitos dos erros informáticos son debidos a que persoas sen capacitación dirixiron ou fixeron estes traballos.
-Polo tanto, o obxectivo do Colexio é conseguir que cada quen se ocupe de aquilo para o que está capacitado, nisto da informática...
-Quero aclarar unha cousa: a meta do noso Colexio non é excluír aos que non teñen a nosa titulación. Buscamos garantir que os profesionais que traballan na construción da Sociedade do Coñecemento teñan unha mínima base de coñecementos e práctica que garanta a calidade dos seus traballos. Ben sexa pola posesión dun determinado título, ben mediante a acreditación dunha determinada experiencia, ben mediante un proceso de habilitación e reciclaxe… Pero garantindo sempre que aos alicerces sobre os que estamos a montar a economía dixital sexan de calidade.
-Relacionado co anterior, cales son os principais atrancos ós que se ten que afrontar un enxeñeiro ou un enxeñeiro técnico en informática á hora de abrirse camiño no mercado laboral en Galiza?
-Unha parte dos atrancos veñen derivados da formación universitaria recibida que, aínda que de gran calidade, nalgúns casos non está ó cen por cen aliñada coas necesidades das empresas. Isto fai que, en ocasións, as persoas que acaban de recibir o título precisen de formación adicional para adaptarse ao mundo real. Digamos que a evolución da tecnoloxía e das necesidades do mundo empresarial van máis apresa que a evolución dos plans de estudos. Este achegamento entre Universidade-Empresa é un dos obxectivos que está a buscar a reforma e adaptación das titulacións ao novo Espazo Europeo de Educación Superior.
O descoñecemento de en que consisten as enxeñarías en informática, xunto co de cal debe ser a formación mínima para desenvolver certas tarefas, fan que as empresas soliciten para postos de dirección de departamentos de sistemas (ou xefes de proxectos informáticos, ou analistas ou desenvolvedores) outras titulacións universitarias como poden ser Química, Enxeñaría Industrial, Matemáticas, etc… ou nin sequera isto. Parte deste descoñecemento débese á xuventude da carreira e outra parte a que non se puído ou soubo comunicar en que consistía a profesión.
Isto levou, entre outros motivos, á situación actual na que existen traballos mal pagados (nin preto do mileurismo) ou que son de baixa calidade. Finalmente, conseguiuse unha emigración masiva dos profesionais galegos ás grandes cidades, como Barcelona ou Madrid, ou até Dublín ou Londres, onde aos salarios son moitísimo máis altos ca en Galicia e os proxectos nos que traballan están a vangarda da tecnoloxía. Falamos pois de profesionais que á hora de volver veno moi complicado, xa que non atopan postos na nosa terra para os seus perfís.
-Galicia é uniforme nesta situación?
-O emprego no sector das TICs concéntrase en determinadas zonas. Así, a maior parte de postos de traballo relacionados con consultoría, fábricas de software e prestación de servizos concéntrase na Coruña, sendo en Vigo onde se localiza a informática aplicada ao sector industrial. Fóra de estas áreas, a posibilidade de atopar traballo abondoso e de calidade redúcese moito. Amais, é preciso tirar partido dos tres centros universitarios que imparten titulacións en informática (A Coruña, Santiago e Ourense) para darlle un pulo ó desenvolvemento das súas áreas de influencia. Asemade, a atomización e o carácter familiar do tecido empresarial galego fai que poucas empresas poidan abordar a presenza dun informático no seu equipo. O caso galego é un caso particular no que a incorporación das TICs ás pemes e a creación de emprego cualificado para aos informáticos debe afrontarse dende unha perspectiva distinta ás realidades que se dan no resto do Estado.
-Na creación dos colexios rexistrouse unha elevada cifra de participantes: superouse a liña dos trescentos censados durante o seu nacemento. Isto que significa? Significa que os colexios xa hai tempo que tiñan que estar en marcha, dado os apoios recibidos ou simplemente que este era o intre axeitado?
-Digamos que confluíron varios factores. Por unha banda, hai que subliñar que as dúas titulacións en informática ocupamos xa a nivel estatal o segundo lugar en número de titulados en enxeñarías, por diante doutras moito máis antigas. Pola outra, temos un certo sentimento de profesión maltratada. Diversas asociacións, como a AEIG, loitaron en contra disto. O labor feito por esta nos últimos anos foi fundamental para a creación dos Colexios e para sentar unha base que permitiu o elevado número de participantes.
E, por último, a sociedade e a actual Administración galega decatáronse do papel que desempeñan as TIC e, con elas, a necesidade de profesionais cualificados, se se quería acadar o obxectivo de facer da economía galega unha economía dixital competitiva.
E aínda que, tal como comentas, a participación foi alta, temos que seguir loitando pola concorrencia plena de tódolos titulados no Colexio. Precisamos, desde xa, de cada un deles, xa que doutro xeito non poderemos acadar estes obxectivos que nos propoñemos. Convidámolos a traballar connosco neste proxecto tan ilusionante de facer algo a prol do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, participando por exemplo en grupos de traballo como poden ser os relativos as temáticas do Clúster TIC.
-En que se vai ver beneficiada a sociedade galega pola constitución destes colexios?
-Regular a profesión é garantir xa de por si unha mínima calidade nos labores que desenvolve un colectivo de profesionais. Xuntamente con isto, a formación que se lle impartirá aos colexiados, a posta en marcha de visado de proxectos (que garantirán uns criterios de calidade), e os futuros servizos de intermediación e de responsabilidade civil e a definición de códigos éticos, beneficiarán aos cidadáns e as empresas permitíndolles contar cunha serie de garantías respecto ós profesionais do sector e aos seus traballos. Así, os cidadáns contarán con parámetros obxectivos de avaliación que posibilitarán a selección do profesional máis axeitado para a tarefa que precisen levar a cabo.
O CPETIG cumprirá un papel importante promovendo actividades non ofertadas polas canles habituais a un custo razoable, posto que repercute directamente na calidade profesional dos colexiados. Estas actividades estarán orientadas tanto ó beneficio social (criterios de prestixio, calidade e utilidade) e ó profesional (actualización, capacitación).
Por outra banda, é un obxectivo fundacional do CPETIG a difusión e coñecemento das novas tecnoloxías entre a poboación, e especialmente entre os colectivos con risco de sufrir a chamada "fenda dixital". Para isto, colaboraremos coas institucións públicas e fundacións na difusión da Sociedade do Coñecemento e na dos programas europeos, estatais ou galegos que están en marcha. Seremos activo e unha canle no achegamento dos cidadáns as TICs colaborando de forma estreita coas iniciativas que lance a Xunta.
Temos intención ademais de elaborar cada pouco informes sobre a evolución da Sociedade da Información en Galicia así como achegar asesoramento nos foros nos que participemos e nos temas para os que se nos requira.
-Puidemos saber que a entidade que presides forma parte do Clúster TIC. Que papel ides desenvolver nel? Que papel vai desenvolver este Clúster na nosa terra?
-Formaremos parte do Clúster TIC de Galicia como socios fundadores e é a nosa intención participar activamente a través dos distintos comités e grupos de traballo que nel se van a constituír e entre os que se achan grupos temáticos como e-sociedade, observatorios, TIC e pemes, etc. Este clúster é un organismo asociativo no que están representadas as empresas, os profesionais, a administración, os centros tecnolóxicos e outros axentes relacionados coas novas tecnoloxías co obxectivo de deseñar estratexias comúns para asentar as empresas do sector en Galicia, o achegamento á sociedade das novas ferramentas, a innovación baseada na xestión do coñecemento, a implantación de servizos avanzados, a creación de sinerxías entre os diversos actores...
Dito doutro xeito, o Clúster TIC pretende ser o motor do desenvolvemento e despegue tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE