Os enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións e Agrícolas xuntan forzas a prol da agricultura smart

mércores, 29 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (AGGETT) vén de achegarnos máis novidades sobre as súas actividades vindeiras, comezando pola organización da primeira convocatoria do Congreso Internacional de Drons do que falamos polo miúdo onte en Código Cero. Segundo nos contan os responsábeis da asociación, os días pasados a AGGETT sentou os alicerces de futuras e importantes colaboracións co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, unha alianza que colleu corpo, precisamente, coa organización e o impulso do devandito congreso ourensán (que comeza, por certo, este 31 de marzo). Segundo informaron ambas entidades profesionais, non hai dúbida de que se tratará dunha “frutífera cooperación” que dará pé a salientábeis avances no emprego de vehículos aéreos non tripulados (UAV ou drons) e das tecnoloxías que os acompañan no ámbito da agricultura moderna.
A cita entre os representantes das dúas entidades celebrouse na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Na reunión, o presidente de AGGETT, José Manuel Martínez, presentou ante os membros do colectivo ourensán de enxeñeiros técnicos agrícolas o programa do congreso no que destacan relatorios relacionados coa aplicación dos drons á agricultura, convidándoos a asistir ao evento. En concreto comentáronse aspectos das charlas e exhibicións que se desenvolverán o sábado pola mañá sobre Novas tecnoloxías de captura de datos con UAV de Fortop e Visión de Challenger sobre a aplicación dos drons na agricultura moderna. Tanto José Manuel Martínez como Manuel Rojo, presidente do colectivo de enxeñeiros agrícolas, coincidiron en salientar “a enorme importancia” dos avances tecnolóxicos que se están dando neste sector e a súa transcendencia para a agricultura en Galicia e Ourense en particular, “unha provincia con gran peso agrícola que debe ir dando pasos cara á modernización do seu modelo produtivo para ser referentes neste ámbito”, explicaron. A xuntanza como dixemos, tamén foi aproveitada por ambos os colectivos para sentar os alicerces de futuras colaboracións, abordar puntos de interese común e desenvolver proxectos conxuntos, como o traballo en agricultura de precisión aplicada a viñedos.

PUBLICIDADE