Os enxeñeiros sen fronteiras reclaman en Santiago un panorama tecnolóxico máis humano

luns, 13 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Por se había algunha dúbida, o mercado tecnolóxico tampouco é xusto de por si. Nas TIC rexen as mesmas leis ca nas restantes actividades produtivas da economía que nos tocou vivir: as leis que priman a quen máis ten. Loitar contra isto e a exclusión técnico-científica das familias e colectivos con menos recursos é un dos grandes obxectivos da Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galiza, que tamén achega esforzos para acadar un panorama de desenvolvemento máis sostíbel e racional. Estes e outros compromisos foron dados a coñecer os días pasados no Foro de Educación 2010 de Compostela, onde a asociación reclamou un consumo tecnolóxico máis consciente e responsábel.
Segundo fixo saber e reflectiron medios como Galicia Hoxe, Enxeñería Sen Fronteiras diferenza entre unha tecnoloxía útil para o desenvolvemento local e outra que, usada do mesmo xeito que outros valores de cambio, só serve para o contrario: para que a riqueza se amoree onde xa estaba A entidade empregou na súa intervención no dito Foro 2010 (que se desenvolveu na Facultade de Ciencias de Comunicación) todo tipo de material divulgativo para reforzar a súa mensaxe: de usármola de maneira axeitada, a innovación pode servir para dignificar á cidadanía, para fomentar a igualdade de posibilidades entre os pobos e para a eliminación dos atrancos que afastan ás persoas dunha mellora xusta na súa calidade de vida.
Para quen desexe procurar máis información sobre a actividade da Asociación, dicir que esta mantén na Rede unha completa web sobre as accións que desprega, os obxectivos e os diferentes métodos postos en xogo para colaborar dende fóra. Asemade, faise reconto de diversas campañas e mobilizacións para lograr un panorama tecnolóxico máis humano.

PUBLICIDADE