Os enxeñeiros galegos en informática xa comezaron a súa xira formativa polos colexios

mércores, 24 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A iniciativa Navega con Rumbo, encamiñada a mellorar a formación da comunidade escolar de cara á chegada de ABALAR (incluíndo escolares, nais, pais, profesorado e titoras/es), conta co apoio directo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. O programa formativo, que como dixemos hai uns días ten programado chegar a 100 centros adscritos a ABALAR, desenvólvese ao longo duns dous meses nunha serie de charlas divulgativas. Na iniciativa participan activamente colexiadas e colexiados do CPEIG, que dende hai xa dúas semanas comezaron a súa xira de visitas polos nosos centros de ensino, achegando consellos sobre onde están os principais riscos da Rede e, pola contra, en que lugar se sitúan as súas principais vantaxes de cara a facernos máis doada a comunicación e o acceso ao coñecemento.
As sesións formativas, que chegarán ao final do programa a uns 5.000 escolares, teñen unha duración aproximada de unha hora e apóianse en material ideado polo propio colexio: tres guías, unha dirixida ao alumnado; outra aos profesores e unha terceira para os pais e nais que recollen, “dun xeito ameno”, información de interese, suxestións e ligazóns. En conxunto distribuiranse 25.000 guías.
Ademais, a web específica www.navegaconrumbo.es serve de apoio á iniciativa do órgano colexial.
O programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo desenvólvese no marco do convenio establecido entre o CPEIG e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial de Galicia.

PUBLICIDADE