Os enxeñeiros en Informática e a USC asinan este mércores un convenio de colaboración

martes, 1 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e mailo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro Ameneiro, asinarán esta semana un acordo de colaboración para impulsar o intercambio de experiencias e máis o desenvolvemento conxunto de proxectos e actividades de promoción e difusión da Sociedade do Coñecemento e as novas canles de comunicación.
O obxectivo, informa o CPEIG, é potenciar o papel da Enxeñaría en Informática na nosa sociedade e o achegamento do alumnado desta titulación á realidade profesional.
A sinatura do convenio marco celebrarase este mércores 2 de setembro no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e a partir das 13.00 horas.
Na imaxe, representantes do CPEIG nunha iniciativa recente no Parlamento de Galicia.

PUBLICIDADE