Os enxeñeiros en Informática distinguen a orixinalidade e o potencial de emprendemento dos encontros LaconNetwork

xoves, 25 de outubro do 2012 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, segue a desvelar as entidades, profesionais e iniciativas que vai recoñecer (polo seu labor de difusión, innovación e compromiso TIC, principalmente) no marco da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se vai celebrar o vindeiro 23 de novembro en Santiago (Hostal dos Reis Católicos). Este xoves 25 de outubro, sen ir máis lonxe, os enxeñeiros informan da concesión do Premio Iniciativa Emprendedora a LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia “baixo un paraugas informal pero moi estable”. O xurado valorou o xeito “alternativo” de apoio ao emprendemento de LaconNetwork, un encontro que se concreta nun xantar o último venres de cada mes e no que os emprendedores TIC de Galicia poden compartir experiencias e valoracións dun xeito distendido e periódico. Asemade, as xuntanzas inclúen a presenza de figuras representativas do sector e de entidades que poden estar interesadas nos proxectos que se están a desenvolver na nosa Comunidade. O xeito de concretar a hora e o lugar de encontro para a comida é mediante a rede social Twitter.
Os encontros de LaconNetwork fixeron xa dous anos de vida, ao longo dos que pasaron máis de 200 emprendedores e máis de 100 proxectos que, de xeito recorrente, participan nas xuntanzas. O último LaconNetwork 2 years superou as expectativas de todos co apoio dos laconeiros. Nesa ocasión cruzou fronteiras e contou co apoio de expertos e emprendedores nacionais e internacionais, cun total de máis de 300 asistentes inscritos na Rede LaconNetwork de anteriores edicións e 700 participantes do evento por Streaming.
O CPEIG fará entrega dos seus premios anuais no transcurso da Noite da Exeñaría en Informática de Galicia, que este ano chega á súa cuarta edición. Será o 23 de novembro, nunha gala que representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e que conta coa participación de cargos empresariais do sector TIC e institucionais.

PUBLICIDADE