Os enxeñeiros de Telecomunicación constatan a calidade do servizo dos operadores do Plan de Banda Larga

luns, 2 de xuño do 2014 Redacción

O Colexio Colexio Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de levar a cabo un estudo exhaustivo sobre o servizo que achegan os operadores que desenvolven o seu labor ao abeiro do Plan de Banda Larga das Xunta. A investigación incluíu un seguimento e un control pormenorizado da calidade do dito servizo nun total de 511 núcleos de poboación. O obxectivo era verificar que os operadores están a cumprir cos niveis de cobertura, velocidade e dispoñibilidade requiridos nas bases de axudas incluídas no dito Plan. A auditoría dos enxeñeiros do COETG, segundo sinala AMTEGA, confirmou o cumprimento do devandito.
O seguimento, recollido nun convenio asinado en 2013 entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o COETG, levouse a cabo nas áreas que están a contar con redes fixas e tamén redes sen fíos. No que se refire ás primeiras, o colexio avaliou as novas conexións de banda larga en “enderezos representativos desta acción do Plan”. Escolléronse 37 centros de servizos públicos que dispuxeron de nova conexión ADSL distribuídos xeograficamente ao longo do territorio galego.
Finalmente, segundo informa AMTEGA, “os resultados do seguimento realizado nestes 37 centros confirmaron o cumprimento dos niveis de calidade establecidos”. Respecto ás redes sen fíos, elixiuse unha mostra de 474 núcleos repartidos nas catro provincias. O resultado final das comprobacións confirmou que no 91,56% dos casos cúmprese cos valores obxectivo de calidade previamente fixados, explica a axencia. No que atinxe aos casos que restan, esa taxa do 8,4% que poderiamos cualificar de materia pendente, o informe conclúe que é recomendábel realizar melloras de cobertura. Melloras que segundo explica da axencia que dirixe Mar Pereira, xa se están a levar a cabo.

PUBLICIDADE