Os enxeñeiros de Telecomunicación unen forzas con Red.es para impulsar as novas canles e servizos do coñecemento

luns, 21 de xaneiro do 2013 Redacción

O COIT, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, anunciou a semana pasada que vai colaborar arreo con Red.es para impulsar as telecomunicacións e a Sociedade da Información en España. Este achegamento entre as entidades formalizouse a través dun convenio de colaboración establecido entre o COIT e o Observatorio Nacional de Telecomunicacións e Sociedade da Información (ONTSI). Con este acordo, entre outras cousas, dáse vía libre para a realización de actividades de formación e divulgación, e tamén para a elaboración de informes e publicacións técnicas de análises do sector e dos seus máis importantes indicadores.
Entre os obxectivos que se procuran está o de promover e reforzar o papel dos ditos enxeñeiros como co-responsábeis do pulo á Sociedade do Coñecemento no Estado. Neste senso, búscase a inserción laboral e o impulso do emprendemento.
Segundo fixo saber o COIT, este colexio “está en disposición de apoiar a Red.es na súa estratexia de potenciación da administración electrónica como consecuencia da Axenda Dixital Española e pon á súa disposición o valor engadido que atesouramos como entidade acreditada por ENAC e a experiencia en tramitación electrónica de expedientes para a posta en marcha dos retos que o novo marco lexislativo sectorial vai expor”.
Lembrar que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) é unha corporación de dereito público de ámbito estatal que ten como fins fundamentais, delegados pola administración, a ordenación do exercicio da profesión de Enxeñeiro de Telecomunicación, a representación exclusiva da mesma e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, así como impulsar ao progreso e disposición das técnicas propias da profesión.

PUBLICIDADE