Os emprendedores de Galicia Open Future comparten este venres a súa actividade cos futuros empresarios da USC

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

A aceleradora que Telefónica puxo en marcha no Gaiás, Galicia Open Future, está a estender as súas pólas máis alá dos profesionais máis directamente beneficiados, é dicir, os responsábeis das iniciativas TIC que están a ser aceleradas nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago. A idea, agora, é ir preparando as cousas para vindeiras edicións. Neste obxectivo de ir abrindo acubillo é onde se insire a xornada deste venres 6, a I Sesión de Innovación Aberta de Galicia Open Future, a celebrar de 10.00 a 14.00 horas no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. Ao seu acubillo, achegarase a realidade do emprendemento TIC ao alumnado de grao e postrao da Universidade de Santiago.
A finalidade da cita é traballar conxuntamente cun grupo de emprendedores do ámbito tecnolóxico-dixital usando a metodoloxía do Deseño Intelixente (Design Thinking) e sobre o seguinte reto común: Como mellorar a transferencia de resultados de investigación da Universidade cara á sociedade nos ámbitos das Ciencias Sociais e as Humanidades?
Segundo informa a USC, a través desta sesión de traballos as persoas que se acheguen poderán coñecer en primeira persoa as solucións da devandita metodoloxía baseadas en técnicas que tiran partido da creatividade.
Galicia Open Future é unha iniciativa de Telefónica e a Xunta de Galicia para fomentar o emprendemento en Galicia e que actualmente dá apoio a 50 proxectos emprendedores. Para inscribirse, as persoas interesadas deben adquirir a súa entrada gratuíta na ligazón específica de koliseo.com.

PUBLICIDADE