Os empregados públicos da Xunta dispoñen dun sistema de xeración electrónica de títulos

xoves, 21 de abril do 2011 Redacción

A Xunta de Galicia ten en marcha desde este mes de abril unha aplicación que permite a xeración electrónica de títulos para os empregados públicos da Administración autonómica e que permite eliminar o soporte papel nestes procedementos.
Esta iniciativa da Dirección Xeral de Función Pública dependente da Consellería de Facenda, forma parte das actuacións relativas á aplicación das novas tecnoloxías e das tecnoloxías da información no ámbito da función pública desenvolvidas polo Goberno autonómico.
Segundo explicou o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, trátase, en definitiva, de «poñer en marcha aplicacións que permitan xestionar de modo electrónico trámites que actualmente se están a realizar en papel».
Ademais, indicou que esta actuación permite dar un paso máis na modernización da Administración, así como tamén na axilización dos procesos e trámites de carácter administrativo. O director xeral destacou que no «ano 2010 emitimos un total de 696 títulos».
Ata o momento, o título de funcionario, un certificado que se lle dá aos opositores unha vez aprobado o proceso selectivo, era o único documento que se imprimía en cartolina de cor amarelo, de 200 gramos de peso, no que viña serigrafiado a catro cores o escudo da Comunidade Autónoma galega.
Unicamente se xeraban dúas copias de cada título, unha delas que se enviaba ao interesado e a outra quedaba no expediente persoal. No caso de perda polo interesado, entregábase unha fotocopia compulsada do título que figura no seu expediente. Dende este mes de abril, segundo explicou Barreiro «este documento deixou de xerarse en papel, pasando a ser totalmente electrónico». Así, foi substituído por un documento en formato PDF coa firma electrónica do director Xeral de Función Pública incluída no propio documento. Este leva dous códigos de verificación electrónicos, e pode ser validado na páxina web corporativa da Dirección Xeral e proximamente na páxina web da Xunta de Galicia.
Esta medida afecta tamén á distribución dos títulos que xa non se fai por correo, se non que directamente é descargado por cada un dos empregados públicos accedendo ao Portal do Empregado Público da Xunta de Galicia. A dispoñibilidade da descarga do título neste portal é comunicada aos interesados mediante o envío dun SMS e un correo electrónico.


Declaracións do director xeral sobre o novo servizo web

PUBLICIDADE