Os editores cualifican ás Administracións de ser máis piratas cós piratas

xoves, 4 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Na actualidade calquera pode levar o título de pirata. Hoxe os internautas, mañá unha boa parte dos integrantes das entidades que, supostamente, están a un lado da lei onde a bandeira dos osos e a caveira nunca ondea: as administracións públicas. Así están as cousas en opinión da Federación do Gremio de Editores de España, que veñen de participar nas xornadas sobre o libro dixital que se celebraron en Madrid acadando o que moitos criamos imposible a estas alturas: presentarlle a un auditorio un panorama onde os internautas non son os únicos que practican a copia ilegal. A cuestión para o devandito Gremio, personificado nas xornadas polo seu director, Antonio María Ávila, é moito máis complicada ca iso. E tanto que é así: ao seu xuízo, as Administracións son “as máximos piratas” e as que máis infrinxen as licenzas de propiedade intelectual.
A cousa tivo a súa amiga se temos en conta o contexto no que xurdiron as acusacións: minutos despois de que interviñese a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, do Ministerio de Cultura, para quen está claro que o sector editorial debe ver a nova era, a dixital, como unha fonte de vantaxes e oportunidades, e non de ameazas. Esta cuestión foi tratada minutos despois por Ávila, para quen tamén está claro que o sector que representa non está pechado aos cambios da realidade tecnolóxica. Os datos achegados polo Gremio para certificar esta cuestión foron os seguintes: o 10,5% do total da facturación da industria do libro faise xa en formato distinto ao papel, e existen xa case 200 empresas na Federación que realizan o seu traballo en liña.
Segundo informa Efe, Ávila tamén tivo palabras para reclamar unha nova lei de Propiedade Intelectual, ao que engadiu que o cumprimento da actual non é máis que unha brincadeira en España, até o punto de que países como Estados Unidos incluíron a España nunha listaxe negra na que se dá conta de aqueles países que teoricamente máis desleixo amosan en materia de facer cumprir o regulamento sobre infrinximento de licenzas de autor.

PUBLICIDADE