Os ecoloxistas galegos lanzan un blog colectivo para reivindicarmos o noso bosque: Cousa de Raíces

luns, 7 de xullo do 2014 Redacción

Co gallo do Día Mundial da Conservación do Solo presentábase hoxe no Parque dos Paxariños de Lugo a campaña Cousa de raíces, unha proposta de ADEGA e outros 45 colectivos ambientalistas, culturais, empresariais, sindicais, comunitarios, educativos e científicos para reivindicar o bosque galego como protector do solo. Emporiso, na rolda de prensa deixouse ver que Cousa de raíces nace coa vontade de defender o noso bosque galego ou autóctono en todas as súas facetas: ambiental, cultural, produtiva, educativa ou como factor xerador de emprego.
ADEGA informou que xa está a disposición do público xeral o blogue da campaña Cousa de Raíces.
A vocación colectiva, integral, diversa e colaborativa da campaña está chamada a acoller a particulares e a todo tipo de colectivos que estean a realizar accións divulgativas, formativas, educativas, reivindicativas, produtivas, de custodia, etc., a prol do bosque autóctono. Todas estas accións serán postas en coñecemento da sociedade a través da devandita bitácora colectiva, dende o cal calquera persoa tamén poderá manifestar o seu apoio á causa. Así mesmo, servirá como canle de comunicación entre os diferentes colectivos que participan na campaña.
Para aquelas persoas e entidades da provincia que queiran sumarse a esta iniciativa, abondará con visitar o blogue Cousa de Raíces ou enviar un correo a cousaderaices@adega.info.
Engadir que esta iniciativa retoma unha reivindicación histórica do movemento ecoloxista na defensa das árbores propias, pero desta volta tenta congregar neste mesmo obxectivo os esforzos de todos os sectores implicados na súa preservación e promoción. De feito, a este acto acudiron varios colectivos lugueses que traballan con esta finalidade como: o Bandullo Ecolóxico, o Espazo Agroecolóxico A Estruga, FRUGA, A Asociación Galega de Custodia do Territorio ou a Plataforma sarriá polo río.

PUBLICIDADE