Os e-books contribúen ao aumento de ingresos de Barnes & Noble

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Aínda que nas últimas semanas comentábase que a cadea de librarías Barnes & Noble podería estar a buscar un comprador ante a crise dos establecementos físicos deste tipo, os resultados económicos da compañía para o primeiro trimestre fiscal (que remata o 31 de xullo) serven para ilustrar a situación actual, na que o negocio tradicional está a perder pulo, mentres que os novos soportes progresan significativamente.
Pese a ter uns ingresos de 1.400 millóns de dólares, o que supón un incremento interanual de vendas do 21%, Barnes & Noble rematou o trimestre cunhas perdas netas de 62,5 millóns de dólares, cando o ano anterior tivera uns beneficios de 12,3 millóns de dólares. Estes resultados parecen contraditorios, pero poden explicarse polo reparto destas cantidades nos distintos negocios, de xeito que temos que nas tendas físicas o volume de vendas caeu un 2%, e é grazas ás vendas do NOOK e os libros electrónicos que a compañía pode mirar ao futuro con optimismo, xa que as vendas neste ámbito non só medran semana a semana, senón que están a achegar a novos clientes.
É de agardar que un reaxuste de custos poida inverter a situación financeira da compañía, de xeito que o incremento de ingresos tradúzase nun aumento dos beneficios, para garantir o futuro desta coñecida marca que está a facerse un lugar de seu no sector dos libros electrónicos que parecía monopolizado por Amazon.

PUBLICIDADE