Os distribuidores galegos de electrodomésticos denuncian a publicidade de Mediamarkt en Vigo

martes, 19 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O xermolo da polémica achegado por Gonny en Skyscrapercity.com.

Hai anuncios e anuncios. Algúns pasan por diante dos nosos ollos sen máis repercusión ca unha parede baleira vista dende un autobús e outros fican aí gravados, entre cella e cella, sen nós pretendelo, igualiños ca un chicle no zapato. É o caso do lema elixido pola multinacional alemá Mediamarkt, especializada en produtos ligados ó tecnolóxico e ós electrodomésticos, e que puidemos ver nunha chea de recantos de Vigo ó longo dos días pasados.
Este foi o reclamo elixido, con motivo da apertura do seu primeiro establecemento galego (no centro comercial da Laxe da dita cidade): “Galicia é moi cara ¡Isto vaise a acabar!”.
Pois ben, o lema non pasou desapercibido tampouco para a Asociación de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos do Noroeste (ADEN), que vén de presentar perante a Dirección Xeral de Comercio da Xunta un escrito no que denuncia a publicidade da dita empresa xermana.
Ó xuízo de ADEN, esta campaña é “contraria á definición de publicidade recollida na Lei de Comercio Interior de Galicia, que define este tipo de estratexias comerciais como instrumento encamiñado a orientar a liberdade de elección e a favorecer que a lícita concorrencia no mercado sexa certa e veraz”. Asemade, a entidade anima á Xunta a non consentir esta publicidade agresiva “que implica informacións equívocas e denigrantes”. Sinalar que ADEN está integrada por empresas como Activa Galicia, CENOR, Master Cadena, Milar-Uniserco, Tien 21, Milar-Grupo Radio e Expert; e en total agrupa 655 locais comerciais de todo o noso territorio.
O caso é que esta polémica ligada á publicidade de aparellos tecnolóxicos e facendo alusión ó fochanco no que está metida a economía en todo o ámbito estatal, non é nova nin única. Ó caso de Mediamarkt (que segundo indica A Voz é unha auténtica experta en crear un ambiente de provocación ó seu favor e xusto nos días antes da apertura dos seus establecementos, por aquilo de saír nos medios a toda costa aínda que sexa da man dunha denuncia) hai que engadir o da cadea catalá Miró, que fixo campaña nos seguintes termos: “Crise? Con Miró non hai crise”.

PUBLICIDADE