Os dispositivos móbiles de Apple xa poden actualizarse a iOS 6

mércores, 19 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Siri en español é unha das melloras máis destacables de iOS 6

Dende esta tarde os usuarios de iPod Touch, iPad e iPhone pode actualizar os seus dispositivos á última versión do seu sistema operativo, o iOS 6, que incorpora numerosas novidades que van dende detalles imperceptibles ata a agardada incorporación do asistente con recoñecemento de voz Siri (que dende hoxe entende o español, aínda que só está dispoñible para as últimas xeracións de dispositivos de Apple).
Entre os cambios resulta tamén destacable que Apple decidise prescindir de Google Maps e adopte un sistema de mapas de seu (grazas á colaboración de Apple con TomTom), o que supón a perda de numerosas prestacións (como o Google Streetview ou o acceso á inmensa base de datos de Google á hora de situar no mapa distintas localizacións) á vez que engade navegación GPS (funcionalidade que xa estaba presente nas principais plataformas móbiles coas que compite Apple). É de agardar que Google estrea unha aplicación de seu con mapas, ao igual que tamén estrearon unha para YouTube (que polo momento non conta con versión para tablets).
Os mapas de iOS 6 tamén teñen unha vista tridimensional con calidade fotográfica chamada Flyover, pero da que en España non podemos gozar como é debido, por non contar con estas imaxes no noso territorio.
Ao igual que con iOS 5 facilitábase a publicación de contidos a través de Twitter dende distintas partes do sistema, con iOS 6 pasa o mesmo con Facebook, que chega a integrarse incluso nos calendarios e contactos, e incluso permite Me gusta nas aplicacións da App Store. Agora tamén é posible actualizar o estado de Facebook ou Twitter directamente dende o Centro de Notificacións do noso dispositivo.
Unha nova aplicación para iPhone e iPod Touch que chega con iOS 6 é Passbook, que permite centralizar a xestión de entradas, cupóns e tarxetas de agasallo, que polo momento ten un uso moi limitado, pero que Apple quere impor mentres non se popularicen outras tecnoloxías como o NFC (que inicialmente rexeitou incorporar no iPhone 5).
No iPhone tamén mellora a propia aplicación de teléfono, que agora facilita a resposta rápida mediante mensaxes de texto predefinidos ou personalizados para cando non poidamos responder oralmente a unha chamada e crear un recordatorio para devolver a chamada máis tarde.
Moitos usuarios tamén agradecerán o novo modo Non Molestar, que permite que dentro dun horario establecido (normalmente as horas de sono) non se reciban chamadas e notificacións (agás excepcións que poden definirse, como para chamadas dunha persoa da listaxe de Favoritos ou quen chame varias veces nun corto período de tempo (por se aconteceu algún tipo de emerxencia).
Apple tamén aproveitou a ocasión para renovar as súas aplicacións de iTunes, iBookstore e App Store, desbloqueou as videoconferencias FaceTime para que funcionen tamén sobre redes de datos móbiles, mellorou os controis de privacidade, integra o Game Center con Facebook e facilita a multi-plataforma (facilitando a competición entre usuarios de iOS e OS X), inclúe dicionario en español, incorpora a aplicación de reloxo no iPad, permite usar iTunes Match mediante streaming e moitas outras funcións que supoñen toda unha revitalización dos actuais dispositivos móbiles de Apple.

PUBLICIDADE