Os dispositivos con Android Wear xa son compatibles co iPhone

luns, 31 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Tras o pequeno descoido na ficha do Huawei Watch en Amazon.com parecía inminente o anuncio de que os reloxos con Android Wear pasarían a funcionar co iPhone, e finalmente é así, anunciando hoxe mesmo Google que Android Wear xa funciona en iOS, de xeito que os usuarios que conten cun smartwatch co sistema operativo de Google poderán xa conectalo ao seu iPhone (a partires do iPhone 5 e con iOS 8.2 ou superior) para poder recibir información do seu terminal no seu pulso, aínda que cunha experiencia de uso moito máis limitada que a que ofrecería un Apple Watch.
Deste xeito, os usuarios que non queiran optar por un dos reloxos de Apple, e tampouco estean conformes cun dispositivo multi-plataforma de fabricantes independentes, poden agora elixir entre un completo catálogo de terminais con Android Wear, que teñen prezos bastante asumibles, e que a partires de agora facilitarán información importante do iPhone (como chamadas de teléfono, mensaxes e avisos das aplicacións), realizar un seguimento da súa actividade física e tamén facer uso de Google Now directamente dende o reloxo (o que permite recibir avisos puntuais de información meteorolóxica ou de tráfico, facerlle consultas a Google ou fixar recordatorios).
Para poder gozar dun dispositivo con Android Wear dende o iPhone é preciso instalar unha aplicación que está dispoñible de balde, dende a que pode configurarse o dispositivo wearable.

PUBLICIDADE