Os dispositivos Nexus xa teñen dispoñibles as imaxes de Android 4.4.4

venres, 20 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A primeiros de mes comezou a distribución de Android 4.4.3, que sorprendeu chegando non só a dispositivos Nexus e a edicións Google Play, senón tamén aos últimos móbiles de Motorola, pero a sorpresa é aínda maior nas últimas horas, xa que veñen de publicar os binarios e as imaxes de fábrica dos dispositivos da familia Nexus con Android 4.4.4, o que sería a actualización máis rápida do sistema operativo móbil de Google, que dá a impresión que chega de cara ao evento Google I/O que terá lugar a semana que vén.
Google non anunciou oficialmente esta actualización, e polo que parece limitaríase a incorporar certas melloras de seguridade, pois coméntase que en Android 4.4.3 está presente unha vulnerabilidade de OpenSSL que, pese a non ser tan grave como Heartbleed, precisa de atención inmediata para evitar que xurdan métodos para facilitar a interceptación de comunicacións dende dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE