Os directos de YouTube gozarán de subtítulos automáticos

luns, 26 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

As retransmisións de vídeo en directo a través de YouTube gozan dunha grande popularidade, e para contribuír a que iso continúe así, están a engadirlle novos xeitos de ver estes contidos e facilitar a interacción coa comunidade, como o feito de que as conversas en directo que se desenvolven durante as retransmisións quedarán gardadas de xeito que, cando vexamos unha das retransmisións en diferido o chat estará sincronizado, o que permitirá que vexamos os vídeos tal e como se retransmitiron no seu momento, sen perder o fío dos comentarios que foi intercambiando a comunidade, que nalgúns casos resulta crucial para coller o fío da conversa.
Pero a novidade que están a engadirse que posiblemente sexa máis práctica é o feito de que os vídeos en directo veñen de incorporar a funcionalidade de subtítulos automáticos, aínda que polo momento limítase ao inglés. Esta tecnoloxía emprégase nos vídeos de YouTube dende 2009, e aplica tecnoloxía de recoñecemento de voz para transcribir o que se di a texto, o que fai moito máis accesible os vídeos por distintos motivos: ábreos a usuarios con eivas auditivas, permite ver o que se di en contornos nos que non podemos gozar do son, e incluso facilítase o acceso a contidos en linguas estranxeiras (pois aos subtítulos pode aplicárselle tradución automática).
Os subtítulos automáticos nos directos de YouTube irán espallándose entre os usuarios nas vindeiras semanas, de xeito que os esforzos de YouTube irán dirixidos a conseguir mellorar ao máximo a precisión das transcricións e reducir o seu retraso.
Outras novidades interesantes son que agora será posible etiquetar a localización dende a que se realiza un directo, o que facilitará que a xente poida atopar vídeos nunha localización en concreto; e tamén posibilítase aos creadores empregar o servizo de IFTTT nas súas canles, de xeito que nun Super Chat poderán activar accións a través de centos de servizos en liña, o que permite dende publicar un certo contido nunha rede social até acender unha lámpada conectada á Rede.

PUBLICIDADE