Os directivos apostan de cheo polas redes sociais, pero con precaución

venres, 5 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

InfoJobs publicou esta semana os datos máis salientábeis dunha investigación dirixida a avaliar o emprego que os directivos do ámbito estatal fan das redes sociais (para que as queren?, como vas valoran? cales prefiren?). Segundo se fai saber, a maior parte deles recoñecen a importancia destes servizos 2.0 (Facebook, LinkedIn, Twitter) na construción da súa reputación persoal e utilízanas sobre todo para crear novos contactos e situarse como expertos. En definitiva, son parte fundamental do seu currículo e, polo tanto, cóidanse moito (en liñas xerais) de achegar información que poida ir en contra deses obxectivos de recoñecemento profesional.
Disto dedúcese que unha boa parte deles levan xa tempo manifestando un certo tipo de inquietude ou preocupación acerca das consecuencias que poden ter as redes sociais para as súas iniciativas. Neste senso, estas ferramentas son literalmente unha arma de dobre gume: poden abocar ao éxito ou ao fracaso profesional ou empresarial dependendo de pequenos xestos e informacións en aparencia insignificantes. Ao fío disto, no estudo dise que case un terzo dos enquisados prefire non facer alusión ao seu negocio nos seus perfís en redes sociais, na maioría dos casos porque a política da compañía non llo permite. Amais, practicamente a totalidade dos directivos entrevistados (95,3%) manifesta a súa preocupación polo impacto que as plataformas sociais poidan ter nas súas empresas.
“Conscientes da repercusión positiva ou negativa que a imaxe nas comunidades 2.0 dun directivo poida ter no propio negocio”, sinálase na investigación, “o 70,6% dos executivos sacan proveito destas plataformas e vinculan os contidos publicados nos seus perfís á súa empresa, mentres que o 29,4% restante prefire non facer alusión ao seu negocio ben porque a política da compañía non lle permite facelo ou porque non quere contribuír a dar difusión á empresa para a que traballa”.
Con todo, sen dúbida gaña (e por goleada) o “si” ás redes sociais. Deste xeito, a gran maioría dos entrevistados (91.7%) destacou a importancia de estar presente nestas plataformas como “elemento chave para construír a súa reputación persoal na súa contorna empresarial”. De entre as canles máis utilizadas polos executivos, LinkedIn é a máis habitual (87,7%), seguida de Facebook (64,8%), YouTube (32,1%) e Twitter (31,3%). O seu emprego céntrase sobre todo en crear contactos de interese profesional (81,2%) e estar informado da actualidade do sector no que se desenvolve o profesional en cuestión (76,7%).

PUBLICIDADE