Os días 23 e 24 a rapazada de Ribadeo poderá formarse en tecnoloxías creativas na Aula CeMIT local

xoves, 17 de agosto do 2023 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de agosto uns obradoiros tecnolóxicos para a rapazada. Para participar é preciso inscribirse ata o día 22. As prazas son limitadas e poden reservarse online en cemit.ribadeo.gal. O 23 de agosto os obradoiros estarán destinados a nenas e nenos de 8 a 11 anos. E o 24 de agosto para rapazas e rapaces de 12 a 15 anos. O horario será de 10 a 13 horas.
Desde a Concellería de Mocidade explican que "se trata de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas á rapazada, especialmente ás nenas, para rachar estereotipos e espertar o seu interese e confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas) a través de obradoiros lúdicos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas".
Durante os obradoiros, o monitorado adapta os contidos ás características de cada grupo, tendo en conta as áreas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas)
Desde Mocidade de Ribadeo engade que "o grupo de 8-11 anos participará nun obradoiro de stop motion con luces LED, e o grupo de 12-15 anos realizará unha actividade de introdución aos tecidos intelixentes”. Durante os obradoiros traballarán de xeito transversal cuestións como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o seu uso creativo, “máis alá do mero uso e consumo, a importancia da colaboración e o traballo en equipo, así como a relevancia das artes como ferramenta de desenvolvemento", sinalan dende o Concello.
O curso está organizado pola axencia AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (iniciativa Girl STEAM), co apoio do Concello.

PUBLICIDADE