Os decodificadores de TDT accesibles para persoas con discapacidade poranse á venda a finais deste mes

martes, 12 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Co principal obxectivo de facer a Televisión Dixital Terrestre (TDT) accesible para toda a cidadanía sen excepcións (como debería ser con todas as cousas, incluída a tecnoloxía) o Ministerio de Industria vén de desenvolver, a través de INTECO, un software que, incorporado a un receptor de TDT, permite que as persoas con discapacidade visual e auditiva poidan beneficiarse das vantaxes que ofrece a nova televisión. Estes decodificadores de TDT accesibles para todos, poranse á venda a partir de finais deste mes e posto que o seu sistema de software está desenvolvido en español e en inglés, a tecnoloxía poderá ser internacionalizada, permitindo romper en todo o mundo as barreiras ás que teñen que enfrontarse as persoas con algunha discapacidade deste tipo. O motor de síntese de voz deste dispositivo é quen de ler os menús de configuración e as listaxes de programación das canles, ao tempo que mellora a lectura do subtitulado dos programas e películas. Neste sentido, as persoas beneficiarias poderán cambiar o tamaño da letra, a velocidade da voz e a cor dos subtítulos. Asemade, a TDT accesible ofrecerá a posibilidade de grabar programas así como permitir o control parental para restrinxir as canles que non se consideren recomendables para menores. O proxecto conta cun presuposto de 500.000 euros e beneficiará directamente, segundo informan dende o devandito Ministerio, “a unhas 100.000 persoas con discapacidade visual e ás súas familias”, porén aínda se descoñece en que establecementos se poderá adquirir e a que prezo.

PUBLICIDADE