Os cursos de informática do Grupo Femxa contarán coa certificación da Universidade Rey Juan Carlos

mércores, 1 de agosto do 2012 Raquel Noya

A consultora líder en formación Grupo Femxa, con sucursais en Vigo e A Coruña, vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade Rey Juan Carlos de Madrid (URJC), mediante o cal a entidade académica certificará máis de 50 accións formativas impartidas pola consultora.
O acordo fai posible que unha das universidades públicas máis importantes de España avale o prestixio dos cursos impartidos polo Grupo Femxa nos sectores da Informática, a Loxística, a Educación ou o Marketing, entre outros.
As accións formativas certificadas pola URJC achegan a maiores a obtención de créditos ECTS (Espazo Europeo de Transferencia de Créditos) e da LRU (Lei de Reforma Universitaria), dúas unidades de medida requiridas tanto para a obtención dun título universitario como para a presentación a oposicións, entre outras esixencias propias do mercado actual.
Asemade, Femxa lembra que as empresas cuxos traballadores realicen algún curso relacionado con estas materias tamén poderán acollerse á bonificación dos mesmos na súa cotización á Seguridade Social, polo que a formación “poderá ser bonificable en función do crédito dispoñible e do tamaño da empresa”, engaden.
En definitiva, Grupo Femxa e a Universidade Rey Juan Carlos unen forzas para ofrecer unha completa oferta formativa, que lle outorgue ao alumnado unha excelente especialización no sector que escollan para formarse da man da consultora líder en formación.

PUBLICIDADE