Os cromos de béisbol renóvanse facendo uso da realidade aumentada

luns, 9 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O xogador Ryan Howard proxectado sobre unha tarxeta Topps 3D Live

Os cromos coleccionables queren recuperar forza no mercado a través da innovación, e así nace a colección de cromos de béisbol Topps 3D Live, que facendo uso do engadido para navegadores web Total Inmersion D’Fusion permite utilizar as tarxetas nas que se presenta unha ficha dun xogador de béisbol, nun elemento para experimentar coa realidade aumentada vía web.
Así, visitando unha web especial dende un equipo co engadido de Total Inmersion instalado, podemos colocar os cromos diante da súa cámara web, para ver coma sobre os mesmos proxéctase unha imaxe tridimensional cos xogadores de béisbol representados, que responden aos nosos movementos. Este sistema holográfico só se vería na pantalla do ordenador, pero supón un interesante engadido para dotar dunha nova mocidade a un tipo de produto que comezaba a pasar ao esquecemento.
Os cromos de béisbol son todo un fenómeno nos EE.UU., que transcende o propio negocio, e xa é unha icona cultural, coma podemos ver en moitas películas e series de televisión, e o feito de que poidan interactuar con webcams resulta unha innovación interesante para o produto, aínda que debemos lembrar que tal tecnoloxía non é nova, e mediante o motor Flash Papervision 3D podemos levar este tipo de experiencia á práctica, o que podemos probar imprimindo un papel de mostra no que se proxectará unha mascota tridimensional a través de webcam, o que nos permite experimentar coa realidade aumentada sen ter que adquirir os cromos de Topps, e mesmo podendo crear as nosas propias figuras a medida.


Exemplo da realidade aumentada con cromos de béisbol


Exemplo de realidade aumentada con tecnoloxía Papervision 3D

PUBLICIDADE