Os creadores de Tranxfer advirten dunha importante proliferación do cibercrime

luns, 2 de decembro do 2013 Redacción

Coincidindo co Día Mundial da Seguridade da Información (o pasado sábado 30) deuse a coñecer novamente a plataforma Tranxfer, un servizo encamiñado a solucionar boa parte dos problemas que se derivan do manexo dun gran volume de datos na Rede e nas contornas empresariais. Esta plataforma, de raizame catalá (vén da man dos profesionais de ISIS, con sede en Barcelona), foi lanzada o pasado verán co obxectivo de facerlle a competencia a Dropbox, presentándose como “o primeiro sistema que permite enviar ficheiros grandes e confidenciais de forma cómoda e segura, sen necesidade de descargar ningún tipo de software”.
Os seus creadores, Miquel Planas, Ángel Márquez e Pedro Fontana, advertiron con motivo da dita celebración mundial (este sábado) que hoxe en día existen grandes riscos que nos axexan cada vez que enviamos un mail con información adxunta: fotos, ficheiros, bases de datos, informes, documentos que son interceptados, perdidos ou roubados a través do que se coñece como cibercrime. “De feito”, sinalaron, “estímase que só 1 de cada 3 empresas detecta un ataque informático”. E engaden: “Calcúlase que recibimos unha media de 3.500 mails con ficheiros adxuntos ao ano e que as empresas reciben máis de 100.000 páxinas contaminadas, esta cifra pode converterse nunha actividade de alto risco se tratamos con información confidencial protexida propia de sectores que xeran unha gran cantidade de información”.
Volvendo a Tranxfer, a ferramenta que aproveitaron para presentar no Día Mundial da Seguridade da Información, sinalan que outra das grandes particularidades do servizo reside en que “a diferenza doutros sistemas, a nosa ferramenta permite a compartición de arquivos tanto da propia empresa como con firmas externas (socios, clientes, provedores, etc.), e controla e elimina o risco de fuga de información entre as mesmas”. Neste senso, Tranxfer, sería quen de controlar o ciclo de vida do intercambio de arquivos, “reducindo ao mínimo os buracos de seguridade propios de contornas empresariais con políticas de confidencialidade reguladas”, explican.

PUBLICIDADE