Os creadores de Malviviendo chegan ao Carballo Interplay para facer unha webserie colectiva

mércores, 27 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Os creadores de Malviviendo na edición anterior do Carballo Interplay e entrevistados por Uncut

Xa vai quedando pouco para o arrinque da terceira edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, e para ir animando a espera a organización (o Concello) impulsa un obradoiro que ten por obxectivo dar forma a unha webserie. “A nosa intención”, sinalan os impulsores do certame, é “quecer motores da mellor maneira posíbel, creando”. Os encargados de impartir este obradoiro e levar da man aos participantes para materializar a devandita serie en liña son David Saínz e Teresa Segura, creadores de Malviviendo. O curso rematará no Carballo Inteplay coa proxección do resultado da actividade. Como lembraremos, o festival en si mesmo celebrase na vila bergantiñá os vindeiros 5, 6 e 7 de maio.

Unha captura do obradoiro que se está a desenvolver estes días

David Saínz e Teresa Segura son, como dixemos, os responsábeis de Malviviendo, unha das pioneiras e das máis populares webseries españolas. Dende este martes 26 de abril e até o vindeiro domingo, día 1 de maio, estes dous artistas sevillanos compartirán nun curso teórico-práctico os seus coñecementos e experiencia na posta en marcha dun proxecto de ficción seriada para a Rede, dende a creación do guión ata a súa distribución. O obradoiro, informa a organización, ten unha parte teórica importante, pero no seu miolo está formulado como “un exercicio práctico no que os alumnos actuarán como unha equipa e crearán un proxecto conxunto”. A webserie resultante poderá verse o primeiro día do Carballo Interplay, o xoves 5 de maio, ás 12h30 no auditorio do Forum de Carballo.

PUBLICIDADE