Os creadores de Kiply expoñen a potencialidade da ferramenta para converternos en mellores profesionais

mércores, 8 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

José Cánovas, CEO de Kiply, presentando a tecnoloxía no Centro Demostrador TICO Centro Demostrador TIC de Santiago acolleu este mércores unha xornada práctica sobre a ferramenta de raizame galega Kiply, software multidispositivo que de xeito automático mide e analiza a nosa actividade persoal en tempo real, co fin de axudarnos a sermos máis produtivos e competitivos e, en definitiva, mellores profesionais. A sesión, levada a cabo polos profesionais da empresa do mesmo nome (Kiply), desenvolveuse fisicamente no CNTG e a través de streaming en varios recantos da nosa xeografía grazas á infraestrutura das aulas da Rede CeMIT. A xornada, que foi seguida por ducias dos nosos profesionais, contou coa presenza de José Higinio Cánovas Losada, CEO da empresa, quen fixo un repaso polas particularidades da ferramenta (máis completa e segura ca outros recursos análogos dispoñíbeis no mercado -poucos-, amais de ser de balde na modalidade freemiun) e polas súas potencialidades (non só pode mellorar o rendemento dun profesional, senón dunha empresa enteira e mesmo dun sector).
Kiply, dispoñíbel para Windows e Android (en breve chegará a versión iOS), foi creada como dixemos para incrementar a produtividade persoal dos usuarios de dispositivos. Para acadalo, integra tecnoloxía, metodoloxía e un terceiro factor que sempre é de agradecer: estatísticas, informes e consellos.
Na cita en Santiago, os responsábeis da aplicación achegaron entre outras cousas unha exposición práctica do seu rendemento potencial a nivel persoal. Así, sobre a base dun traballador hipotético do sector das novas tecnoloxías que descargara a ferramenta, sinaláronse os pasos a seguir logo de ter accedido a ela:
Primeiro, unha vez activada, comeza a recoller información sobre a actividade do usuario de forma automática.
Segundo, un día á semana o profesional en cuestión recibe no seu correo electrónico un informe co resumo da súa actividade semanal no que pode saber como e de que maneira inviste o seu tempo (que día da semana é máis produtivo, que horas, como empregamos o noso tempo laboral, as causas dunhas posíbeis lentitude ou ineficacia, etc), ademais de aprender grazas ós consellos.
Terceiro, analizando a súa información, o usuario pode coñecer os seus hábitos produtivos, detectando as actitudes que debe mudar e as que debe reforzar para xestionar o seu día a día con máis eficiencia.
Cuarto, semana a semana o profesional ve a súa evolución e pode marcarse novos obxectivos co fin de mellorar a súa produtividade persoal.
Os responsábeis de Kiply tamén falaron na sesión celebrada no Centro Demostrador da cuestión da seguridade. Segundo fixeron saber, “a seguridade que achega a plataforma é total”. De feito, sinalaron, “unha das principais particularidades da aplicación fronte á competencia radica precisamente no coidado que se pon na cuestión da privacidade dos datos dos usuarios, que en ningún intre se ven en risco de dispersarse”.
Segundo engadiron, Kiply atópase arestora en beta, en fase de desenvolvemento e de recollida das opinións de uso achegadas polos profesionais que xa tiran partido delas. Ao fío disto, o CEO da empresa fixo saber que “é de agradecer calquera feedback que nos envíen, queremos escoitar aos usuarios e aplicar melloras sobre a base do que eles mesmos nos contan”. Durante a sesión tamén se fixo fincapé nas posibilidades futuras de Kiply como comunidade de desenvolvemento persoal para profesionais: a idea é posibilitar a formación comparativa de equipos para que se nos permita, por exemplo, ver como fan o seu labor outros compañeiros da empresa ou outros profesionais do sector que decidiran achegar un perfil público. Neste tenso, o obxectivo é dar forma a unha contorna baseada no concepto de xogo e de rede social, artellada en base a puntuacións, puntos que se traducen en niveis e logo en recompensas. “Poderemos comparar logo o noso perfil con xente da nosa empresa, do noso ámbito xeográfico, do noso sector, etc”, sinalaron os responsábeis de Kiply.

PUBLICIDADE