Os creadores de CreAppcuentos prevén acadar 100.000 descargas en 2015

martes, 23 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

A aplicación infantil CreAppcuentos, ferramenta galega que iniciou a súa andaina a finais do ano pasado da man dos emprendedores Avelino Correa e Antonio Escudero, ten previsto facturar 100.000 euros o ano que vén e acadar as 100.000 descargas. A app cumpre así un ano de vida logrando todo tipo de éxitos e recoñecementos e mergullada nun panorama de bonanza para este tipo de desenvolvementos lúdicos, un panorama que Correa e Escudero cualifican de “crecemento para as novas tecnoloxías adaptadas á educación” Neste escenario, engaden, “CreAppcuentos continúa abríndose mercado para acadar resultados óptimos en relación ao usuario, tanto nenos como pais, e para fomentar a imaxinación e a aprendizaxe dos pequenos a través de personaxes dos contos de sempre coa creación de novas historias inventadas”.
Desde que puxeron no mercado a app, hai polo tanto un ano, os responsábeis da aplicación conseguiron 17.000 descargas así como estar presentes en 50 centros educativos nos que utilizan CreAppcuentos cos alumnos para incentivar a formación a través do conto. “Para seguir fomentando a educación dunha maneira diferente”, explican, “o ano vindeiro queremos aumentar o número de centros educativos que conten coa nosa iniciativa e estar polo menos en 200 colexios de toda España”.
Arestora, a gran finalidade da compañía é continuar medrando dentro do sector educativo para ser “unha ferramenta funcional que permita formar a nenos de maneira amena ao mesmo tempo que adaptarse ás novas tecnoloxías”. En 2015, a compañía continuará actuando no mercado español con vistas ao estranxeiro a través da RSC (Responsabilidade Social Corporativa). Mediante obradoiros, CreAppcuentos iniciará distintas accións en hospitais, colexios e asociacións sen ánimo de lucro, do mesmo xeito que o fará a nivel internacional en Estados Unidos e no resto de Europa.
Outros dos obxectivos é realizar melloras dentro da aplicación grazas ao equipo de deseñadores e desenvolvedores que traballan nela para adaptala de maneira axeitada ás peticións por parte dos usuarios e converterse “nun recurso educativo eficaz para o sector”.

PUBLICIDADE