Os coworkers do Pazo de Arenaza da Deputación da Coruña inician a nova normalidade

venres, 15 de maio do 2020 S. P.

O espazo de coworking Pazo de Arenaza, o acubillo de traballo colaborativo e innovador da Deputación da Coruña, volve á “nova normalidade”. Este proceso ultimouse este xoves 14, cunha xuntanza por vídeo-conferencia mantida entre o presidente da entidade provincial e o deputado da área de Emprego, Valentín González e José Ramón Rioboo, e as emprendedoras e emprendedores do pazo emprazado en Oleiros, aos que comunicaron a recuperación da actividade presencial nas instalacións a partir da semana vindeira, cuxos preparativos foron desenvolvéndose estes días.
González Formoso e Rioboo interesáronse tamén polo estado dos seus proxectos empresariais e polas consecuencias que a crise da COVID19 tivo nos mesmos. Durante a reunión virtual, as e os coworkers mostraron a súa satisfacción polo feito de poder retomar a súa actividade profesional e empresarial nas instalacións do pazo oleirense.
Tanto os servizos de Prevención e Saúde Laboral da Deputación coma a firma tecnolóxica WeKCo, a empresa encargada do servizo de xestión do espazo, traballaron conxuntamente para definir o protocolo a seguir nas instalacións para asegurar a seguridade dos usuarios de Arenaza.
Durante o encontro, as e os ocupantes do espazo deron a coñecer as liñas principais dun proxecto colaborativo no que participaron 15 dos 28 coworkers do pazo e que xurdiu das reunións virtuais durante o confinamento. Trátase do proxecto CasaPosCovid, que busca “adecuar as vivendas actuais e deseñar as novas construcións para que sexan espazos adaptados ás necesidades da nova normalidade”. A iniciativa foi debullada por Belén Bouza, arquitecta técnica especializada en construción con madeira.
Pola súa banda, a Deputación ofreceu a súa axuda para apoiar e dar visibilidade a proxectos deste espazo de coworking.
O encontro virtual rematou coa explicación detallada dos protocolos anti-COVID que deberán cumprir os usuarios/as do Pazo de Arenaza.

PUBLICIDADE