Os contidos terroristas en liña deberán eliminarse antes dunha hora da súa notificación

venres, 2 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Andrus Ansip nunha imaxe de Dominique Hommel para a Unión Europea

A Comisión Europea vén de presentar un conxunto de medidas operativas, acompañadas das salvagardas correspondentes, que terán que adoptar as empresas e os Estados membros para intensificar a loita contra os contidos ilícitos en liña, que comprenderían dende os contidos terroristas até a incitación ao odio e á violencia, material relacionado con abusos sexuais a menores, produtos falsificados ou a violación de dereitos de autor.
O vicepresidente responsable do mercado único dixital, Andrus Ansip, asegura que «as plataformas en liña estanse a converter na principal porta de acceso do público á información, de xeito que estas plataformas teñen a responsabilidade de ofrecer un contorno seguro aos seus usuarios. O que é ilícito no mundo real o é tamén no virtual. É certo que hai varias plataformas que están a retirar máis contidos ilícitos que nunca antes, e iso demostra que a autorregulación pode funcionar pero, con todo, temos que responder con maior velocidade ante a propaganda terrorista e outros contidos ilícitos que supoñen unha grave ameaza para a seguridade e os dereitos fundamentais dos nosos cidadáns».
A Comisión recomenda medidas operativas que garantan a detección e retirada rápida dos contidos ilícitos con procedementos de notificación e acción máis claros, instrumentos máis eficaces e tecnoloxías proactivas, salvagardas máis sólidas para garantir os dereitos fundamentais, prestar especial atención ás pequenas empresas e cooperar de xeito máis estreito coas autoridades.
No que aos contidos terroristas en liña realizan recomendacións na mesma liña, entre as que destaca a norma dunha hora, ou sexa, que perseguen que as empresas de contidos en liña retiren de xeito xeral os contidos terroristas no prazo dunha hora dende a súa notificación para responder ao feito de que resulta máis nocivos nas súas primeiras horas de aparición na Rede.
A Comisión analizar o cumprimento destas recomendacións, para ver se é preciso establecer medidas suplementarias e incluso chegar a lexislar ao respecto.

PUBLICIDADE