Os consumidores fan un chamamento para reclamar a Apple os cobros por reparacións en prazo de garantía legal

venres, 12 de xullo do 2013 Redacción

A Asociación Xeral de Consumidores (ASGECO Confederación) e FACUA emitiron os días pasados un comunicado no que animan á comunidade en liña a reclamar a Apple “por pagos efectuados en período de garantía legal”, sinálase. Este chamamento vén dado tras coñecerse a decisión da Comunidade de Madrid de sancionar ao xigante de trebellos tecnolóxicos cun importe de 47.000 euros a raíz dunha denuncia iniciada por ASGECO por térense detectado as devanditas prácticas fraudulentas. Para a plataforma, dado o reducido da multa (en comparación con outras sancións impostas a Apple no estranxeiro polas mesmas razóns), é preciso pechar fileiras entre os consumidores e seguir reclamando á multinacional os pagos fraudulentos (pagos por reparacións feitos durante o prazo de garantía de dous anos asegurada pola empresa). A asociación opina tamén que os ditos 47.000 euros non repercutirán en nada nos consumidores.
Como lembraremos, ASGECO denunciou a Apple ante a Fiscalía Xeral do Estado por estar a incumprir a Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios ao ofrecer tan só un ano de garantía para todos os produtos adquiridos en apple.com/es. Ante o silencio por parte deste organismo presentou de novo a denuncia ante o Instituto Nacional de Consumo, quen a derivou por fin á Dirección Xeral de Consumo da Comunidade de Madrid. Malia a sanción dada a coñecer po esta última administración, “ASGECO denuncia a total indefensión dos consumidores antes tales prácticas así como a lentitude e o pouco interese das administracións competentes en impor as garantías da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios, e a multar de maneira exemplar aos que a incumpren, que sexan sociedades españolas ou grupos internacionais”.

PUBLICIDADE