Os concellos e deputacións poderán integrarse nas actuacións de eConcellos

mércores, 15 de decembro do 2010 Redacción

A Xunta, a través do portal da administración local de Galicia Eidolocal, vén de habilitar un novo servizo de adhesión en liña ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da Comunidade autónoma de Galicia.
Coa subscrición deste acordo as entidades locais poderán integrarse nas actuacións previstas na iniciativa eConcellos, que a través de dúas liñas estratéxicas, seis áreas de actuación e 17 iniciativas está a impulsar a implantación da administración electrónica nos concellos galegos.
O proceso de adhesión dos concellos a este Plan que ten como obxectivos completar o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais e garantir niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns, comeza un día despois de que a comisión de Seguimento do Plan analizara as actuacións desenvolvidas ata agora. Foi a primeira reunión desta comisión que quedou constituída desde onte.
Na xuntanza estiveron presentes a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, a secretaria xeral da Consellería de Facenda, o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández Castro e representantes das deputacións provinciais.
Para poder facer efectiva a implantación dos procedementos administrativos en formato electrónico nos concellos está prevista a creación da Comisión galega de validación de procedementos, da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos e que permitirá dotar de seguridade xurídica e coordinar todas as administracións locais de Galicia.
A tal fin, no marco da devandita Comisión elaborarase o Catálogo de procedementos telemáticos para a implantación efectiva da eAdministración nos concellos de Galicia.
O obxectivo é que en 2011 estean implantados 35 procedementos en formato electrónico en 104 concellos seleccionados. Para complementar este proceso desenvoleranse tamén, campañas de sensibilización e un plan de formación, especialmente dirixidos aos diferentes perfís existentes: políticos, secretarios e interventores, funcionarios, colectivos colexiados e finalmente aos cidadáns.

PUBLICIDADE