Os concelleiros do PP de Oleiros publican as súas declaracións de bens e intereses na Rede

luns, 6 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Anxo García Seoane, alcalde de Oleiros, nun acto de transparencia, publicou a primeiros do pasado mes de xullo a súa declaración de bens na páxina web do Concello de Oleiros, o que pareceu sentar todo un procedente na vila coruñesa, xa que esta fin de semana a agrupación local do Partido Popular inaugurou páxina web na que se inclúen os rexistros dos bens e intereses dos seus 6 concelleiros.
La Voz de Galicia informou das declaracións de Pablo Cobián (voceiro do PP de Oleiros), que informou que esta medida a tomaran “á espera de que o goberno local decida que facer con esa documentación” (xa que tamén se entregou ó secretario do Concello, para que a publiquen na web municipal como pasou cos documentos relativos ó patrimonio de García Seoane) asegurando que era necesario ofrecer esta información ós cidadáns.
Cobián tamén criticou que o alcalde e o concelleiro de urbanismo só presentasen a súa declaración da Renda, posto que consideran importante que se saiba cómo, cando e a qué prezo mercaron as súas propiedades, pois sostén que “García Seoane se equivoca ó pensar que a declaración da renda é o rexistro de bens e intereses”.
O voceiro do PP tamén criticou a “excesiva utilización de fondos públicos na particular campaña de García Seoane para a súa defensa” e afirma que nos rumores sobre Web do PP de Oleiroscorrupción “as sospeitas só apuntan nunha dirección”, aínda que estas declaracións estarían xa na disputa política partidaria, polo que lonxe de meterse na regueira, hai que recoñecer que estas medidas de transparencia se agradecen ante os múltiples cruces de acusacións, posto que así os cidadáns poden coñecer de primeira man os documentos dos que se está a facer uso na dialéctica política.
O que xa non resulta tan agradable é comprobar que a nova web do PP de Oleiros, que aínda foi creada o pasado sábado (con posterioridade ó seu anuncio público, o que parece unha falta de previsión) está feita dun dubidoso gusto, pois parece unha desas páxinas elaboradas hai 10 anos (empregando marcos, texto en movemento, imaxes en miniatura sen reescalar realmente, javascript excesivo...) que lle podería valer a súa aparición á serie de artigos de Código Cero coñecida como Qué fixen eu para linkear isto?.

PUBLICIDADE