Os colexios e institutos poden solicitar a súa incorporación á Rede de Centros Plurilingües e ao proxecto E-Dixgal

luns, 22 de abril do 2024 Redacción

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, avanza na preparación do vindeiro curso escolar en ámbitos como a mellora de competencias lingüísticas e dixitais no ensino galego. Faino a través da apertura das convocatorias públicas para que os colexios e institutos que o desexen, de forma voluntaria, soliciten a súa incorporación á Rede de Centros Plurilingües de Galicia e ao proxecto de Educación Dixital E-Dixgal para o vindeiro curso académico.
No caso do plurilingüismo, a Consellería publicou no Diario Oficial de Galicia as convocatorias que permitirán seguir estendendo a aprendizaxe dunha lingua estranxeira no sistema de ensino galego nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Os colexios e institutos interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de abril a través da aplicación habilitada ao efecto no Portal Educativo.
Todas estas convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (EDUlingüe 2030), para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado galego.
Este modelo plurilingüe implantado pola Xunta -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO. Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional. No actual curso 2023/24 hai un total de 500 centros plurilingües, que contan co apoio de 655 auxiliares de conversa nativos de ata 22 nacionalidades distintas que imparten clases nestes centros.

Melloras na competencia dixital

Doutra banda, os centros dispoñen de prazo até o 27 de abril para solicitar a súa incorporación voluntaria ao proxecto de Educación Dixital, E-Dixgal, a través do cal, nas aulas galegas, conviven e compleméntanse entre si a aprendizaxe analóxica e dixital. Poderán sumarse un máximo de 20 centros.
O obxectivo desta acción, que leva unha década funcionando con normalidade, é traballar a competencia dixital entre o alumnado, como unha competencia clave recollida nos currículos educativos e necesaria e básica para o desenvolvemento na sociedade actual. A mesma forma parte do amplo abano de iniciativas dentro deste modelo híbrido que combina aprendizaxe virtual e analóxica e que se insire na Estratexia de Educación Dixital 2030.
Así pois, os colexios e institutos adheridos desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles permite acceder a contidos dixitais totalmente de balde para as familias, e que compaxinan co uso de recursos físicos tradicionais de aprendizaxe como son os manuais, libros e cadernos.
A convocatoria deste ano está aberta a un máximo de 20 centros de nova incorporación, que deberán presentar un proxecto específico en base a distintos requisitos. Así mesmo, a solicitude deberá contar coa aprobación previa por parte do Claustro do profesorado e do Consello Escolar do centro, onde están representadas as familias.
Froito da experiencia previa, no proxecto estanse introducindo cambios para mellorar a súa implementación nas aulas. Así pois, para os centros que se incorporen en ESO, todo o alumnado deberá recibir un mínimo de seis materias en modalidade dixital a elección do centro, segundo o curso e tendo en conta que para este cómputo non se terán en conta as materias con só unha ou dúas sesións lectivas á semana agás a materia de Segunda Lingua Estranxeira e as de Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía de 3º de ESO.

PUBLICIDADE