Os clústers das TIC e do téxtil formalizan o seu pacto de colaboración

luns, 5 de agosto do 2013 Redacción

A semana pasada, a nosa terra foi escenario da formalización dunha nova alianza que sen dúbida achega novos azos para a modernización e externalización do noso sistema produtivo, unha alianza que sen dúbida se vía vir (foron moitos os exemplos previos de colaboración) entre o sector tecnolóxico-dixital e o vinculado á moda e ao calzado. Falamos do acordo de colaboración asinado en Compostela entre COINTEGA-Clúster Galego do Téxtil e o Clúster TIC de Galicia, acordo dirixido en boa medida a favorecer o fluxo de tecnoloxías e innovacións dende as empresas do segundo cara ás integrantes do primeiro do clústers, traballando en última instancia a prol da súa competitividade e a busca de novos mercados.
Así o fixo saber Javier Aguilera, director xeral do IGAPE, quen fixo acto de presenza no acto de sinatura e sinalou que a cooperación “é a mellor fórmula para sacar mellor rendemento dos recursos dispoñibles e para beneficiar a un maior número de empresas”. Entre outras vantaxes, a cooperación entre os dous clústers facilitará a devandita transferencia tecnolóxica e, tamén, a colaboración en actividades de formación, difusión e transferencia tecnolóxica. Ao mesmo tempo, o acordo prevé a identificación de oportunidades de participación conxunta en proxectos de I+D+i autonómicos, nacionais ou internacionais, especialmente no de ámbito empresarial.

PUBLICIDADE