Os clientes de Vodafone poderán gozar de PlayStation Plus sen custo durante 1 ano

martes, 3 de novembro do 2015 Redacción

Os clientes de Vodafone que contraten fibra Ono poderán beneficiarse de balde do servizo de xogo en liña PlayStation Plus durante un ano grazas ao acordo recentemente asinado entre Sony Computer Entertainment España e a división española da operadora. Segundo fan saber, esta promoción está dispoñíbel dende hoxe e até o 31 de decembro de 2015 para clientes actuais e novas altas de particulares ou PEME que contraten a modalidade Vodafone One 300Mb. A oferta tamén é válida para clientes que cambien de ADSL a fibra 300Mb.
“Desta maneira”, explican Sony e máis Vodafone España, os clientes da operadora poderán “sacar o meirande partido da latencia e a velocidade da súa conexión de Fibra Ono e gozar ao máximo da mellor experiencia de xogo en liña con PlayStation Plus”.
Por certo que ademais da opción multixogador, a subscrición inclúe 24 xogos ao ano sen custo adicional para PlayStation 4 (PS4) e a posibilidade de empezar a competir nos torneos deportivos en liña a través da liga Oficial PlayStation en calquera plataforma e pantalla (TV, móbil, PC).

PUBLICIDADE