Os chíos de voz estrean subtítulos automáticos

venres, 16 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Hai cousa dun ano Twitter comezou a probar os chíos de voz entre os usuarios de iOS, pero tan pronto lanzou a prestación atopou un grande atranco: considerábase que este tipo de mensaxe atentaba contra a accesibilidade da plataforma. Iso podería explicar que o formato non buscase popularizarse e quedase aparcado por un tempo, e agora parece estar listo para volver á carga, xa que finalmente os chíos de voz están a integrar subtítulos xerados automaticamente.
Dende Twitter levan tempo incidindo no feito de que a transcrición de audio e vídeo forman parte da súa estratexia para unha boa accesibilidade, e dende as últimas horas isto xa é unha realidade para a voz, xa que cando gravemos un chío de voz xeraranse de xeito automático subtítulos que poderán verse se prememos ao botón de CC que aparece na caixa de reprodución do audio.
Curiosamente os subtítulos indican estar xerados por Microsoft, e aseguran que neste momento a nova prestación funciona en inglés, xaponés, español, portugués, turco, árabe, lingua hindú, francés, indonesio, coreano e italiano.
Os subtítulos automáticos non son algo novo en Twitter, xa que tamén están presentes en Twitter Spaces, conseguindo así mellorar as accesibilidade das salas de voz, aínda que en todos estes casos cómpre advertir que os subtítulos non só pretenden derrubar barreiras de accesibilidade, senón que tamén pretenden ampliar a visibilidade dos contidos, xa que en moitos momentos os usuarios non poden escoitar o son dos contidos e a posibilidade de gozalos con subtítulos permiten o seu consumo en moitos máis escenarios.

PUBLICIDADE