Os centros penitenciarios e as entidades sociais adéstranse en reciclaxe de RAEE

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Facer fronte á problemática dos refugallos eléctricos e electrónicos e pór en práctica metodoloxías que contribúan ás súas segundas e terceiras vidas. E facelo tamén con vontade social. Este é o gran obxectivo dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente: obradoiros formativos sobre reutilización de material RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) aos que están convidados os centros penitenciarios e as entidades sociais. A primeira actividade desta índole celebrouse onte nas instalacións do CRD Medelo de Silleda, onde 14 usuarios dos centro recibiron información sobre a axeitada xestión deste tipo de residuos.
A Consellería informou que até decembro celebraranse un total de nove talleres en cinco entidades sociais dedicadas á persoas con diversidades funcionais ou cognitivas e catro centros penitenciarios, onde se celebrarán estas actividades baixo a denominación Os residuos como oportunidade RAAE.
O inicio do taller no CRD Medelo terá continuidade co taller no centro ASPANANE (29/11/2018), o da Asociación A Xanela (30/11/2018), no CRD Mos (10/12/2018) e en ASPRONAGA (11/12/2018). Asemade, no mes de decembro, celebraranse os talleres nos centros penitenciarios de Monterroso, Teixeiro, Pereiro e A Lama.
En palabras de Medio Ambiente, estas accións teñen “unha clara vertente ambiental”, para a redución de residuos, e nelas explicarase a importancia da prevención, a correcta xestión dos refugallos unha vez xerados, así como o impacto ambiental asociado, tanto na produción deste aparellos, como cando pasan a ser residuos (RAEE). O dito obxectivo compleméntase cunha vontade socio-laboral, achegando orientacións básicas cara a unha saída profesional para colectivos en risco de exclusión.
Medio Ambiente lembra que actualmente, en Galicia xéranse un total de 54.000 toneladas ao ano deste tipo de material, o que supón unha media de 20 quilos de residuos por persoa. Amais, boa parte dos mesmos poderían regresar ao ciclo produtivo aplicando un programa de preparación para segundas vidas que contemple a súa comprobación, limpeza e reparación, de xeito que se permita a reutilización destes elementos sen ningunha outra transformación previa.

PUBLICIDADE