Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton para os meses de febreiro a xuño

luns, 15 de xaneiro do 2024 S. P.

A Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), vén de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, prevista para o período comprendido entre febreiro e xuño.
Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. A Aula Newton Galicia, que vai pola súa terceira edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que buscan incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras. Os centros educativos interesados en formar parte desta experiencia deberán inscribirse na páxina web das Aulas Newton.
Agárdase que nesta edición participen uns 2.160 rapaces e rapazas de toda a comunidade.
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. Segundo informan fontes da Tecnópole, nestes intres a Aula Newton Galicia dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas se convertan en pilotos por un día.
A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Materiais didácticos inclusivos

No compromiso de Tecnópole de “garantir unha educación inclusiva”, favorécese a participación na Aula Newton de persoas e colectivos que, a priori, teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Nesta liña, estanse a empregar materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.

PUBLICIDADE