Os centros educativos de Pontevedra contarán con axudas da Deputación para os seus proxectos STEM

luns, 6 de maio do 2019 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de activar unha liña de axudas para os centros escolares e as súas iniciativas de fomento da ensinanza STEM, ou sexa, a ensinanza de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. O programa, que foi presentado esta fin de semana pola presidenta (Carmela Silva), quere poñer o foco no ámbito medioambiental e en tirar abaixo calquera tipo de atranco que se poida interpoñer entre o alumnado e a formación innovadora (en forma e en contido), especialmente en relación coas mozas.
“Dende esta Administración”, sinalou Carmela Silva, “queremos lograr que as disciplinas STEM sexan atractivas para as nosas rapazas e rapaces, porque estas materias son as que van xerar a riqueza no futuro e son o futuro”, dixo, lembrando que hoxe en día e no futuro as carreiras STEM son “as que van xerar máis emprego, máis actividade económica e máis riqueza, e as administracións temos que ser pioneiras en poñer en marcha proxectos que permitan que, nesta provincia, especialmente as rapazas, se tomen moi en serio estas disciplinas e opten por cursar estes estudos”.
As axudas do programa, dirixidas aos centros escolares públicos de primaria e secundaria da provincia, encamíñanse a impulsar proxectos relacionados co medio ambiente no marco das disciplinas STEM. Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 10.000 euros e outorgaranse por concorrencia competitiva, segundo os criterios fixados nas bases. Os proxectos que opten ás axudas teñen que estar impulsados polo alumnado e coordinados por persoal docente. A finalidade é que sexan as alumnas e os alumnos os que ideen o proxecto, o desenvolvan e o saquen adiante, sempre co apoio e axuda do profesorado.
Para optar a esta iniciativa, as propostas deben cumprir dúas premisas: estar relacionadas co medio ambiente e desenvolverse a través das disciplinas STEM. Deben contemplar, ademais estes obxectivos: promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas; fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía con accións que faciliten a aprendizaxe; e impulsar a participación activa de alumnado e profesorado.

PUBLICIDADE