Os cativos galegos poderán pedir os seus agasallos de Nadal a Papá Noel por videoconferencia

venres, 7 de decembro do 2012 Redacción

Un ano máis a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) desenvolverá entre os días 12 e 19 de decembro unha campaña que pasará por 25 centros educativos aos que achegará a máis dun milleiro de cativos a posibilidade de falar con Papá Noel por videoconferencia para poder pedirlle os seus agasallos de Nadal.
As videoconferencias con Papá Noel comezarán a súa xira o vindeiro día 12 para os escolares de Celanova, Vilagarcía e Noia, mentres que os seguintes días serán os cativos de Ponteareas, Muros, Ourense, Santa Comba, A Cañiza, Ortigueira, Betanzos, Marín, A Fonsagrada, Vimianzo, Quiroga, O Barco, Abegondo, Negreira, Fisterra, Verín, Foz, Pontedeume, A Estrada, Ferrol, Becerreá e Barreiros os que terán a mesma oportunidade.
Aparte dos alumnos de educación infantil dos colexios galegos, tamén poderán contactar con Papá Noel por videoconferencia os rapaces do Centro de Educación Especial Miño de Ourense e o Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos.
Con este tipo de iniciativa a Rede CeMIT busca converter as súas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer as posibilidades que ofrecen este tipo de espazos de comunicación.

PUBLICIDADE