Os castros galego-portugueses máis representativos, na Rede e en 3D

mércores, 20 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Cada pouco tempo (no eido TIC, cada moi pouco tempo) abrolla na nosa terra un servizo ou tecnoloxía feito para perdurar. Dase a circunstancia de que canto máis ligado estea este servizo ou tecnoloxía ao propiamente noso, ao que nos singulariza, amplíanse as posibilidades de prevalecer e medrar. Un exemplo disto é a Guía Interactiva de Castros de Galicia e o Noroeste de Portugal, unha iniciativa que, como o seu propio nome indica, diríxese a tirar partido das novas tecnoloxías para informar polo miúdo de algo que irá para sempre unido á memoria e ao legado das galegas e galegos: os castros.
Estes símbolos do noso, en clave dixital, foron presentados o pasado mes de xuño na Illa de San Simón da man dos responsábeis do proxecto galego-portugués Creativa. A guía foi impulsada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, co profesor Celso Campos liderando o programa e as achegas de Redegal e Novomilenio.
O servizo, entre moitas cousas e para que nos vaiamos facendo unha idea do que pon en xogo, subministra navegacións en tres dimensións por algúns dos nosos emprazamentos castrexos máis importantes (unha ducia no intre da súa presentación) facendo especial fincapé nos galego-portugueses, sendo os restos arqueolóxicos destas poboacións unha das moitas cousas que nos unen como pobos irmáns.
O sistema de navegación, informa Redegal, baséase en Google Earth para achegar, polo miúdo e en todo detalle, un bo número de datos etnográficos e culturais en diferentes formatos (modelos, vídeos, imaxes, comentarios) sobre os nosos xacementos castrexos. Ao abeiro desta iniciativa, na que tamén participa AGADIC (que foi quen organizou a presentación na Illa de San Simón), cóbrense xa en 3D e con tecnoloxía de navegación xeoposicionada até 20 poboados galegos e 25 do norte de Portugal.
O programa Creativa remóntase a finais de 2009, cando se puxeron os alicerces dun importante número de actividades conxuntas de tipo cultural, audiovisual, tecnolóxico e gráfico.

PUBLICIDADE