Os camiños dixitais e interactivos da nosa cultura, a debate a semana que vén na Illa de San Simón

venres, 16 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A Illa de San Simón segue dar acubillo a acontecementos ligados ao tema que nos ocupa en Código Cero: a cousa TIC. Hai uns días falabamos do encontro entre expertos españois e brasileiros na procura de métodos para rematar coa fenda dixital en ámbolos países, e alén deles, e agora é a quenda dunha das accións estrela do Proxecto INDCREA: o foro Galicia e as industriais culturais e creativas diante da axenda 2020. Este encontro, de base cultural, collerá de preto o eido tecnolóxico-dixital en boa parte do seu programa, sobre todo aquel que máis se vai centrar na busca de novos mercados, formatos e métodos para o desenvolvemento do sector. Amais, retransmitirase en streaming e a través dun amplo seguimento na rede social Twitter.
Na xuntanza, que se desenvolve entre o 19 de setembro (o vindeiro luns) e o día 22, participarán expertos en industriais culturais de até 6 países, reunidos ao abeiro de INDCREA, unha iniciativa promovida pola Consellería que Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega (CCG). De feito, o acto de apertura das xornadas contará, este luns, coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, e de Roberto Varela, conselleiro de Cultura. O evento tamén conta co apio da Fundación Illa de San Simón, AGADIC e as tres universidades galegas. Os obxectivos son abrir “novos espazos de reflexión e investigación sobre os escenarios de futuro das industrias culturais e creativas de Galicia como sector estratéxico cara a segunda década do século XXI”. Entre os temas a tratar, como dixemos, atópanse algúns directamente relacionados co eido tecnolóxico, como por exemplo a capacidade de emprendemento, innovación e deseño dos seus axentes activos; o desenvolvemento de novos modelos de I+D ou a interacción entre as institucións e entidades relacionados coas industrias culturais e creativas. Asemade, abordaranse nos paneis temáticos incluídos no programa cuestións como os novos retos da sociedade dixital e multimedia.

PUBLICIDADE